Opinión

Menos mal que temos orellas

Non sei o porqué pero sempre que penso nas orellas, vénme á idea o sancristán aquel que había na parroquia de Santo Domingo -ou Santa Eufemia do Centro- cando eu era pequeno e que, de orellas, andaba escaso. Tiña escoitado que llas comera un rato como acontecía ocasionalmente nas casas pobres de outrora. Outras carencias de orellas eran máis violentas. Falábase dun “sen orellas”, falanxista, que, en tempos da Guerra, subindo polo Camiño Real para facer unha incautación, tivo axilidade abondo para esquivar unha fouce que saltou de detrás dun muro, e só lle levou unha orella cando seica buscaba no seu pescozo a xugular. En fin, que as orellas se están aí e para algo; e aínda que vivir sen elas é ben posible, pois parece mellor telas. E a ser posible dúas. Tres sería incómodo e unha soa, descompensada.

E xa lles contei hai meses a sorpresa que levei ao decatarme, grazas á pandemia, que tiña unha máis alta cá outra, porque coas máscaras unha orella sempre quedaba dobrada. Non sei se a esquerda ou a dereita, porque todo depende de seu un mira de fronte ou no espello. En fin, que a culpa, da dobradez da orella non é só miña. Vén tamén da non existencia de tallas abondas nas máscaras. Si. Igual que hai tallas de sombreiro, (entre 54 cm. e 63), tiña que haber máscaras para moi carotas, para carotas, para caras simples, e para cariñas. O dito doutro xeito, polo menos, tamaños XL, L, M, S. E imprescindibles gomas axustables. 

Volvamos ás orellas, única parte do corpo, seica, que medra mentres un vive e de aí que que as dos vellos chamen a atención por enormes. Desde a prehistoria máis prehistórica a xente andan furando nelas para pór pendentes. 

Pero nin sempre. A arracada de Vilar de Santos -a máis fermosa de Galicia e que me perdoe a do Irixo- tiña unha cadeíña para colgala por riba da orella e logo, no lóbulo, apertaba a propia xoia como nos pendentes de clic. Pero si, de sempre furaron as orellas as mulleres e seica foi costume dos homes do mar poren aros ao pasaren o Cabo de Hornos, dobraren o de Boa Esperanza ou facérense piratas. E nas últimas décadas normalizouse o de usaren tamén pendentes os homes. Moito despois dos pendentes viñeron os lentes, invento duns frades italianos a mediados do XIII e producidos logo masivamente en Murano, que pasaron de suxeitar coa man, cun pauciño, a só apertar no nariz -os quevedos- e xa no século XVIII se lle puxeron dúas “gafas” para agarrar nas orellas. E a palabra “gafas” gañoulle en castelán o nome ós “lentes” pero nós, conservadores, seguímoslle chamando pola vella. E sen orellas, pois nunca habería gafas. En fin, pendentes, piercings, lentes... lugar para pór o lapis ou bolígrafo, ou incluso un aparello de alta tecnoloxía para axudar a oír... E aínda por riba, agora, as gomas das máscaras. Moito aguantan as pobres orellas... e sen o exercicio agora, de que che turren por elas.

En fin. As de marrau, con perdón, tampouco están mal. Nin as fritas de masa e zucre. E desde o xoves que descansan as nosas, creo que podemos dedicarnos ás outras. Que aproveiten.

Te puede interesar