Opinión

A miña selección segue

Sonlle unha persoa afutbolística. Ou sexa, allea a ese mundo e anormalmente analfabeta no tema do “deporte rei”. Digo sempre que non sei se son dez e o porteiro ou once e o porteiro. E pretendo seguir sen sabelo. Ademais tanto me ten que gañe un coma outro... Non son de ningún equipo... pero prefería, no Mundial de Qatar, que gañasen “os meus” por iso do localismo mamífero. Xa se sabe, os cans mexan nas esquinas para marcar territorio e os humanos inventan bandeiras, himnos e equipos de fútbol. Pero como por riba da miña condición afutbolística está a de mamífero, por iso teño que buscar cales son “os meus”. Arestora a cousa xa non lles está tan clara, pois se eu podo autodeterminarme e decidir se son home ou muller, can ou gato, máis poderei decidir por quen “ir”, nisto do balompé global. Digo eu. E aínda que afutboleiro, non son impermeable e sei que non chamaron ao Diego Aspas, e sei tamén que non hai ningún galego na selección do Reino de España. É mais, repaso a lista dos convocados, aínda que non lles poña cara por ver como se apelidan. E os tales xogadores son Llorente, Hernández, Laporte, Busquets, Simón, Sánchez, Raya, Azpilicueta, Guillamón, Gracía, Torres, Balde, Alba, Hernández, Gavi, Soler, Resurrección, Williams, Morata, Pino, Asensio, Olmo, Fati, e Sarabia. Ben. Perfecto. Non me soa ningún apelido como cousa próxima. Ou, si. Torres, por Patricia, alcaldesa de Boborás e deputada de Cultura na Deputación; e algún outro Torres de Ourense, pero non creo que sexan parentes do futbolista. Pero ninguén máis.

E vou e miro na selección desa república portuguesa coa que temos -os de Ourense- a raia máis longa de España, 219 quilómetros- e vexo que os convocados apelídanse: Costa, Saa, Cancelo, Pereira, Silva, Guerreiro, Neves, Fernández, Ferreira, Monteiro, Carballo, Dis, Nunes, Horta, Dos Santos, Patricio... E vou e miro a selección italiana, a inglesa, a francesa... Na suíza vexo a Ricardríguez, nacido alá pero de familia de Crecente, e leo que non foi convocado o Benito Souto, un suízo de Arteixo. E pouco máis.

Ou sexa que, influído pola pertenza a un sistema de onomástica persoal determinado e por proximidade xeográfica, a selección da que estou máis próximo é a do sur desta raia que nos comunica fraternalmente entre a desembocadura do regato de Troncoso ou das Barxas no río Miño, en Pontebarxas e o Penedo dos Tres Reinos no xuntoiro das coras leonesas de Zamora, galega de Ourense e lusitana de Viñais, inda que esta última sexa hoxe unha coroa republicana. Si, temos unha raia na que conflúen augas bravas nas corgas encaixadas de Olelas, picos esgrevios como no Xurés, páramos fríos como en Baltar e no Larouco, vales amplos e fondos como no Támega, terra altas e avoltas como as de Vilardevós, Riós ou a Mezquita... todo paraísos naturais. Sobre esta fronteira na que nunca cremos moito -onte foi o contrabando precursor e vangarda do librecomercio, hoxe a comunicación global de máxima fluídez- sobre esta raia, digo, debemos avantar todos, para que os futboleiros -ou simples mamíferos - apoiemos á nosa selección cara a vitoria. Prefiro, miren que cousa máis lóxica, que gañen os Pereira, Carvalho, Férnandes, Costa, Ferreira... antes ca os Morata, Guillamón, Azpilicueta, Soler, García ou Busquets. E dos outros, nin lles falo. 

En fin, ánimo Portugal, a gañar o mundial, iso si, que non me fagan ver partido ningún. Que non os aturo.

Te puede interesar