Opinión

As mulleres no seminario de estudos galegos

Hai un par de anos escribín un artigo sobre as mulleres na revista Nós e agora fágoo sobre as que participaron no Seminario de Estudos Galegos como homenaxe a esas precursoras e para comunicar unha mensaxe de optimismo e positividade ao ver como levamos avanzado na igualdade. Si. Na revista Nós, dos 200 colaboradores só había tres artigos asinados por mulleres, unha alemá, unha irlandesa e unha galega. E inda para máis, o artigo de ensaio desta última, era antimoderno na consideración do rol da muller. Pero era a sociedade,  o mundo da época, non a de hoxe. 

E o que levamos avanzado ata hoxe é grazas ás maiorías. A maioría dunha sociedade que na súa modernización, xunta turra para o mesmo sitio: o lugar da igualdade indicado polas vangardas feministas e asumido polo común das xentes, e no que a maioría dos homes fomos e somos aliados, contra as reticencias dalgúns homes e mulleres. Evidente se non fora por todo aquilo, non se poderían escoitar hoxe voces altisonantes desde os despachos; retorcendo a verdade para falar do “Código penal de la Manada” e proxectar a idea de que ata a súa “iluminación” era “gratis” violar en España, e que, pouco menos, redactaban os delincuentes o código. Se non se valoran os avances anteriores, estase desprezado o traballo e o esforzo histórico daquelas mulleres e homes. E avanzamos, porque as novidades da minoría acaban sendo valores da maioría, como se fixo en España, en paralelo aínda que con algo de retraso respecto de Europa. Lembremos o maltrato e castración de Alan Turing na Inglaterra dos cincuenta, ou a abolición da pena de morte en Francia, só en 1981.

E as mulleres pioneiras do Seminario, tampouco foron moitas. Alfonso Mato, o que máis sabe, ten un completo artigo na rede, no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura ao que os remito. Eran 12 socias activas (menos do 10%) investigadoras, de humanidades ou ciencias e docentes. Estudantes como Carmen Sierra, Dolores Lorenzo, Amparo Arango, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana e Carmen Rey e logo de remataren as carreiras Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós ou Celsa Pérez Moreiras. De Inés Corral e Mercedes Vilabella, o investigador non conseguiu datos. E foi proposta, tamén, a alemá Margot Sponer en 1926  pero non chegou a integrarse. Tamén houbo 9 socias “protectoras”, entre un par de centos, que achegaban cartos, entre elas destaca, Angelita Varela, cun donativos só superados polos das deputacións. 

Na revista Arquivos do Seminario -do que sairon seis volumes entre 1927 e 1934- entre os 39 novos de colaboradores, só aparecen tres mulleres: un artigo –excelente-- sobre a emigración galega a América da bibliotecaria da Universidade compostelá, Luísa Cuesta; e dous en colaboración, un de Pura Lorenzana con Cuevillas e Fraguas, sobre tema arqueolóxico, e outro de Dolores Lorenzo con Isidro Parga Pondal, sobre xeoloxía. 

As dúas obras máis senlleiras publicadas por mulleres do Seminario foron o Método de lectura, da mestra e pedagoga Josefa Iglesias Vilarelle (1932) e El padre Feijoo. Sus ideas crítico-literarias, 1935 de Sara Leirós, profesora da Escola Normal de Mestres de Ourense, entre 1928 a 1936. Precisamente, ela, xunto con outras tres ourensás, participaron das bolsas de viaxes ao estranxeiro -como Risco ou Castelao- a cargo da Junta de Ampliación de Estudios (JAE) institución promotora da modernización intelectual de España. Foron os nomes da nosas veciñas, para que conste en na data de hoxe, dona OIimpia Valencia López, primeira médico de Galicia, de Baltar; e as inspectoras de ensino, dona Antonia Ortiz Currais, do Corgo e dona Aurora Maceda López, de Ourense.

Te puede interesar