Opinión

A necesidade dunha política cultural ourensá (I)

Leo con agrado a nova de que o reparto de cartos aos concellos se resolve sen ningún voto en contra no pleno da Deputación. Hai veces que as abstencións saben a consenso e outras a disenso. Neste caso, e dado como andan as cousas na política española, por moi razoable que puidese ser, non era lóxico que se producise a unanimidade. Véxoo, pois, con razoable satisfacción e, incluso, déixenme pecar de optimista, cun aquel de esperanza. 

Porque hai varias cuestións ben importantes en favor da provincia que se deben facer desde a confluencia política e social. Dos responsables das forzas políticas que entendan do tema (no dobre senso de que se ocupen e de que saiban), pero tamén dos especialistas non políticos. É obvio que os cargos institucionais non están tocados polo dedo de Deus para ser omniscientes, e saber todo e de todo e todo momento e lugar. Ademais, a tendencia á centralizar as decisións de todo tipo produce hiperliderados cómodos para unha boa parte da sociedade que se deixa levar, conducir, arrastrar, pero son moi empobrecedores desde o punto de vista do avance humanístico do cidadán, reducido progresivamente a consumidor automático e previsible. De aí os vellos termos usados en China, “Gran Timonel”; na Rumanía de Ceucescu, “Condutor”, e en España, “Caudillo”, e todas estas palabras poderían confluír no que dita as decisións que afecta ás vidas e comportamento dos que son guiados, conducidos ou acaudillados. E non é imprescindible que haxa ditaduras políticas, pois os mecanismos de control social por acúmulo de inercias e empatías adoitan superar a capacidade de reacción dos individuos postos perante a liberdade de escolla electoral. Como é complicado, volvo ao rego.

Dicía que había moitas cousas precisadas de consensos. Unha delas é a acción da Deputación no impulso de estratexias culturais propias. A iso voulle dedicar uns cantos artigos, en tanto a actualidade mundial me deixe oco, pois xa saben que este seu seguro opinador pisa canto charco topa no camiño. 

A primeira cuestión é explicarlles a orixe da disparidade de situacións e responsabilidades entre as deputacións de Galicia. Como é que a Deputación de Pontevedra, por exemplo, é a que se ocupa do tema dos museos, bibliotecas e arquivos na cidade, onde ten, como saben, seis edificios magníficos dedicados ao tema? Como é que a Deputación de Lugo fai algo parecido e a de Ourense nada? E como en Coruña, o Museo Arqueolóxico, a Domus, a Casa das Ciencias, dependen do Concello? Pois a mediados do século XIX produciuse, como saben, unha grande desamortización de bens eclesiásticos e para a xestións dos bens mobles -cadros, imaxes, bibliotecas, documentación- creáronse as Comisións Provinciais de Monumentos. Algunhas destas, esmoreceron e os seus fondos emigraron; outras medraron e transmutáronse en novas institucións -arquivos, bibliotecas e museos- ao abeiro provincial, e outras, foron traspasadas entre as administracións. En Ourense, o Museo-Arquivo-Biblioteca nace en 1895 nos baixos da Deputación ata 1904 en que, precisado de máis espazo, é trasladado ao novo Instituto do Xardín. Logo do incendio de 1927 os fondos sobreviventes andaron un tempo esparexidos ata que se decide localizar o museo nas Mercedes, no edificio do Colexio Menor. Pero chegou a guerra e cumpriu o sitio. Todo parou. E así, o 11 de febreiro de 1939, asínase o seu traspaso ao goberno do Estado que o integra nos da súa dependencia e responsabilidade e fai que sexa servido por funcionarios seus. A Deputación “líbrase” do morto e en 1941 chega Ferro Couselo coa oposición aprobada do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Empeza outra fase. 

Te puede interesar