Opinión

A necesidade dunha política cultural ourensá (II)

E chegou Ferro Couselo, como lles dicía, en 1941 e as cousas comezaron a moverse con xeito e profesionalidade, pois xunto coa vontade e esforzo, cómpre ter sempre a capacitación técnica e profesional e estar “en rede”, en proxectos claros e orgánicos. A forza dos corpos fai que sexan complicadas as aventuras fóra. Por iso se fala de “redes” de museos, bibliotecas ou arquivos. Péscase máis con redes que con liña ou sedal. 

E Ferro Couselo, facultativo do Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, impulsa desde o inicio, desde 1941, o Grupo Marcelo Macías de Colaboradores do Museo e Arquivo Provinciais, onde se integran os homes de Nós (Cuevillas e Risco), os seus epígonos (como Xocas). E Ferro logra mover os paus e mover fichas, pois a súa actuación profesional na Guerra Civil, proporcionoulle boas artes e contactos. E cando marcha o bispo da súa vella casa ó novo bispado, o edificio da Praza Maior cómprao o Estado en 1950 para Museo e Arquivo Provinciais, e en 1963, logo da reforma de Pons Sorolla, ábrense ambas institucións.

O Arquivo Histórico Provincial comezara en 1943 coa súa sede provisoria na Delegación de Facenda. Nace do impulso de Ferro Couselo, quen axiña conta coa vontade e eficacia de Olga Gallego -benzóns no seu centenario-, que desde 1969 asume a súa dirección. O Arquivo incorporará aos fondos eclesiásticos desamortizados sobreviventes do incendio de 1927, moitas coleccións privadas, como as notariais ou públicas, como fondos de Facenda ou municipais, como as actas do Concello de Ourense desde o mundo medieval ao XIX. E se o Museo pechou hai máis de vinte anos e trasladou os fondos á Carballeira, o Arquivo “resistiu” no seu emprazamento ata que a reforma do complexo de San Francisco o levou ás alturas en 2020. Alí ten, sen dúbida, das mellores instalacións de España e pola súa amplitude hai capacidade obxectiva de integración de máis arquivos no seu espazo, pero iso, outro día.

O Museo foi dese 1939 de titularidade estatal. Chamábase Museo Provincial Arqueológico y de Bellas Artes. De aí que xunto con pezas arqueolóxicas tivese tamén fondos artísticos -o sobrevivente do incendio do 27- e outros adquiridos ou doados, como os cadros de Parada Justel ou dos artistas que nos anos sesenta expuñan nas súas salas. Despois de varias reformas, péchase en 2002 coa intención de construír o novo museo ocupando tamén a parte do Arquivo, pero, como saben, van 21 anos do peche. Os mesmiños que levou construír o Escorial e dous menos que o Taj Mahal; obras algo máis grandes e feitas en épocas de menos tecnoloxía. E cando se abra será só Arqueolóxico. Diso, das Belas Artes, tamén, outro día.

A Biblioteca, formada en 1845 cos fondos desamortizados, empezou estando no edificio anexo á igrexa de Santa Eufemia, onde hoxe está a residencia de cregos. En 1896 trasladouse ao edificio do Instituto do Xardín, onde ardeu en 1927. Houbo logo unha campaña impresionante entre galegos e emigrantes, promovida por Juan Fernández Xesta e o seu Comité Pro Biblioteca, e xuntaron cartos e libros para reconstruíla. A Deputación da República cedeulle espazos no seu baixo e alí a lembramos moitos. Pero non era suficiente, e con Blanco Amor como punta de lanza houbo moita presión desde finais dos sesenta, e moita colaboración institucional e cidadá por una nova. De obras en 1972, abriuse en 1978 a Biblioteca da rúa Concello, en uso ata a apertura da marabillosa Biblioteca Nós, en San Francisco, en 2019. Extraordinaria. En fin, Biblioteca, Arquivo e Museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta. Así pois, a Deputación non sae na foto. 

Te puede interesar