Opinión

A necesidade dunha política cultural ourensá (III)

Dicíalles que a Deputación non saía na foto dos arquivos, bibliotecas e museos de Ourense desde o traspaso ao Estado en 1939 e a construción da nova biblioteca inaugurada en 1978 na rúa Concello. Pero a Deputación fixo outras cousas. Afirmou unha biblioteca propia cunhas características ben distintas, construíndo unha xoia. Érao antes no vello edificio do baixo da Deputación e éo máis aínda neste nivel superior do terceiro piso do Centro Cultural Marcos Valcárcel.

É unha xoia que comezou a tallar a sensibilidade de Vitorino Núñez. En 1980 iniciou o camiño de construción, explicitamente dunha “Biblioteca de Investigación de Ourense”, coa compra -refrendada por unanimidade do Pleno, mérito compartido, pois- da Biblioteca e interesantísimo fondo documental de Ben Cho Shey. O seu epistolario, por exemplo, perfectamente gardado polo autor, mesmo con notas aclaratorias de identidades, forma un dos maiores tesouros para reconstruír a actividade cultural galega entre os anos vinte e os anos setenta. Hai outros subconxuntos especialmente interesantes para a vida ourensá, como as cartas cruzadas con Leuter. E as súas coleccións de coplas, etc., etc. En 1983 pechouse operación semellante -tamén por unanimidade- sobre os fondos de Eduardo Blanco Amor, onde destacan á parte dos manuscritos propios e os poemas de Lorca, o resultado dunha actividade fotográfica e epistolar intensísima. 

A partir daquel momento, outras varias coleccións e fondos, moi diversos, foron entrando por doazóns ou compra. As máis importantes son as de Alberto Vilanova, Benito Fernández Alonso, Álvaro das Casas, José Pérez Ávila, José González Paz, Matilde Lloria, Manuel Albendea, Bieito Fernández, as irmáns Pura e Dora Vázquez, Xosé Velo, Xesús Alonso Montero, Anxo... e hai algunhas outras pendentes de espazo para traslado, segundo teño entendido, como a de Xosé Fernández Ferreiro. En fin, converteuse, sen dúbida, nun centro de referencia para a investigación sobre a historia da cultura galega en Ourense. 

Tamén tomou outras iniciativas a Deputación, como acoller dúas experiencias magníficas ao redor da Escola de Gaitas e o seu Museo da Cornamusa, cuxo motor foi sempre Foxo, coa súa Real Banda de Gaitas. Tamén a Escola de Danza Castro Floxo - Centro de Cultura Popular Xoaquín Lorenzo, cuxos motores foron Xulio Fernández Senra e a súa irmá Mariló; os mesmos que terman das Xornadas de Folclore, da revista Raigame, da Romaría Etnográfica de Vilanova das Infantes. Outras iniciativas senlleiras foron a instauración do premio “Ourensanía” ao labor vital de ourensáns destacados; ou a constitución das Fundacións Eduardo Blanco Amor ou a Carlos Velo. 

E tamén asumiu a Deputación outras iniciativas en declive ou creba doutras institucións. Falo das Xornadas de Cine, traspasadas polo Concello de Ourense, ou do Premio Eduardo Blanco Amor de novela, que antes organizaban unha serie de concellos de toda Galicia.

Porén, non foi quen de reinventar unha esmorecida iniciativa de tempos franquistas (1972): o Instituto de Estudio Orensanos “Padre Feijoo” que, nominalmente, se debía ter ocupado da reflexión e coordinación de temas culturais provinciais e que, en realidade, á penas fixo máis ca editar unha serie de interesantes libros para especialistas. 

O principal problema creo que é que todas estas iniciativas (Biblioteca, Gaitas, Folclore, Xornadas Cine, Premio Ourensanía...) responden máis a unha improvisación dispersa ca a unha seria planificación, deseño e dotación espacial, económica e de persoal. Vanse facendo cousas, en resposta a vontades persoais pero sen unha seria reflexión global sobre política e estratexias culturais no seu conxunto. Seguiremos. 

Te puede interesar