Opinión

Non sei se quero saber

Averdade, non sei se o quero saber, porque a soa pregunta, formulada en público, parece imposible nestes tempos de autocensura, de temas obrigados, do políticamente correcto e do insulto fácil e extemporáneo que leva a moitos opinadores a non compartir os seus desacougos en público. Creo que a liberdade de expresión das opinións diverxentes está hoxe máis coutada pola presión social inducida que outrora por leis limitadoras. Daquela buscábanse fendas para ir ancheando as liberdades, e era tido en alta estima o facelo. A gloriosa revista Triunfo -teñen a colección completa colgada en PDF na páxina triunfodigital.com para comprobalo- tiña unha non casual estrela de cinco puntas sobre o i do titulo desde 1970, e sorteaba a censura como podía, e podía ben. E así aprendemos a ler entre liñas. Pero cando unha censura apriorística está insuflada nos comportamentos colectivos é moi complicado exercer a liberdade de pensamento e opinión. Así, resultoume triste recibir estes días varias felicitacións privadas polos meus artigos sobre o conflito de Israel con Hamás invocando a unha suposta valentía, pois produce desacougo que haxa moita xente que non diga o que pensa por temor a ser sinalada e alcumada con palabras grosas. Debemos esforzarnos en gozar sempre do doce labio da liberdade. Co desexo de paz naquelas terras, voume facer unhas preguntas sobre a nosa terra, das que non teño claro se quero saber as respostas.

En primeiro lugar, a benvida máis cordial aos peruanos e familias que veñen para ser camioneiros en Galicia -lese a bondade e esperanza nos seus ollos-. Logo, unha pregunta: Como é que entre as 130.643 persoas apuntadas no paro no mes de setembro pasado en Galicia, con 84.777 cobrando algún tipo de prestación, renda de inserción ou subsidio, non se dá topado aquí man de obra para conducir camións? Isto fala mal de nós. Da reaccionaria desconfianza inducida na nosa versatilidade e capacidade de adaptación. Do mal que enfocamos o futuro. Da potenciación da debilidade das persoas.

Non son moi de bares, pero os donos quéixanseme de que non teñen camareiros para traballar... e algúns que se ofrecen queren cobrar en negro para compatibilizar coa “paguiña” que teñen por outro lado, e así noutros sectores tamén. Algo raro pasa, cando hai 130.643 persoas apuntadas no paro e faltan traballadores en moitos lugares de fácil reciclaxe. E non lle boten as culpas aos baixos salarios, porque para subir unha escaleira hai que empezar por abaixo. E non é malo que sexa. Por iso un aprendiz non cobraba o que un oficial. E non son tan baixos en comparación cos salarios iniciais das persoas que investiron esforzo, anos das súas vidas e cartos familiares na súa formación académica superior.

Outras preguntas: Están seguros que é boa cousa darlle 400 euros a todos rapaces de 18 anos para o que queiran, sen pedirlles nada a cambio? Están seguros de que non foi unha inmoralidade darlle 100 euros a cada ourensán cando as eleccións? Non cren que se está creando unha masa social acostumada a recibir sen esforzarse? A pedir sen ofrecer? Non cren que o exceso de fórmulas de paguiñas está indo contra a vinculación de esforzo e premio, de traballo e resultado? Si, foi mala cousa comezar a educar -máis a tribo cá escola, que tamén- ocultando a necesidade de esforzo na vida. Se cadra esas dádivas de regalo de cartos promoven un xeito de indignidade, a cambio, talvez, dun voto. Un mozo de 18 anos que queira algo, que baixe o lombo, ben encontrará no que, e non que estire a man. Os senegaleses teñen un proverbio: “A man do que pide está sempre por debaixo da man do que dá”. Eles nunca piden, nunca por debaixo de ninguén.

Te puede interesar