Opinión

O Mercado

Cando un visita unha cidade descoñecida hai tres cousas que é preciso ver para facerse unha idea: a Praza Maior, o Mercado e o Cemiterio. O de Praza Maior é fácil en España grazas a unha normativa dos Reis Católicos para que en todas as cidades a praza principal se chamase Maior e nela residisen os concellos. Incluso é fácil na América hispana onde adoitan ser máis grandes e chamárense “Plaza de Armas”. En Italia ou Grecia, sen existiren como tales as prazas maiores, é fácil topar eses núcleos-corazón, por seren herdeiras tamén esas culturas da vivencia da rúa, da praza, da ágora helénica. No mundo xermánico, por exemplo, non hai esa vida de rúa, pero si sempre un centro e unha catedral. Os cemiterios, en todos os sitios da nosa cultura occidental, moi semellantes, con monumentos máis ou menos floreados. 

Así que, se cadra, é o Mercado o que máis nos caracteriza: o que vende, quen e como o vende, o que compra, que e como compra, o que se come, o coidado dos produtos e os tratos da xente común... Por iso, eu teño o costume de visitar sempre mercados e prazas de abastos. Lembro, por exemplo, o de Berlín oriental en 1989, aínda co muro ergueito, con produtos -os poucos que había- a prezos difíciles de calcular por abaixo, por escasísimos céntimos de peseta que custaban, por exemplo, os repolos. Lembro as tinas con cabezas de año do de Atenas, cos ollos que nos fitaban horrorizados. Ou os lagartos sen pel e sen cabeza, metidos en auga -con pinta de saberen como as ancas de ra- do mercado de Plasencia. E os picorocos e outros mariscos noxentos de Santiago de Chile. Ou o mercado do peixe, ao sol, sen xeo, do final da Praia da Barra en Salvador de Baía onde todos os peixes costaban o mesmo porque, como dicía o negrazo que os vendía, daban todos o mesmo traballo, pois viñan todos xuntos na rede. Ou os postos das carnicerías e charcuterías do mercado de Eminonu, en Estambul, sen carne de marrau. En fin, creo que sei máis das cidades e das xentes polos mercados e bares que polos museos e monumentos. Di máis de Porto o Mercado do Bollão que a Praça da Liberdade.

En fin, que o outro día puxen ollos de viaxeiro e fun visitar o novo Mercado da Alameda e ver os amigos que alí traballan. E agolpáronseme as ideas. Pensei, primeiro, “os ‘praceiros’ -palabriña que non terá máis de cinco ou seis anos- non van querer marchar de aquí, pois todos sabemos que o principal problema do vello edifico é que está situado en mal sitio. E se un pode axeitar as arquitecturas, non pode cambiar topografías. O vello mercado é incómodo porque ten unha costa moi pina para as persoas maiores. Ademais, se pega o sol, esturrúxase un, e se chove, esvárase. E si, agora na Alameda semella ter máis vida ca antes. En fin, se fose alcalde -absolutista, por suposto- aplicaría o de “quien fue a Castilla perdió la silla” e convertía o vello edificio municipal no Grande Hotel Termal que Ourense precisa. Pero creo que non vai por aí o tema. O de ser alcalde absolutista, claro. O outro, tamén non.

En fin, encantoume o lugar porque vin un mercado cheo de vida. Non só de delicatesen como o de San Miguel de Madrid para a turistada; máis no modelo e exemplo compostelán, que convén seguir. Ademais, as flores da entrada son un pórtico fermoso que convida a entrar. Que lles vaia ben e aproveiten para anovar lazos coa cidade e seducir aos cidadán para cando volvan alá abaixo. 

Te puede interesar