Opinión

Ocorrencias para a cháchara

As cartas son as que son. As, tres, rei, sota, cabalo e rei, e as que valen menos, do dous ao sete. Despois como xogue cada un é outra cousa. E tanto dá como lle chamamos ás cartas: son as que son. E as palabras son as que son tamén e da nosa habilidade na súa combinación está a expresión dunhas ideas ou doutras. A lingua é unha realidade instrumental que serve para comunicarse, para transmitir ou inventar. E o idioma non é de dereitas nin de esquerdas nin machista nin leninista. Iso serano as persoas, pero nunca as falas. Como as cartas. E chego aquí porque levo un tempo preocupado polo avance imparable da cháchara confundida con ideas. Explícome. Parece que o importante non son os pensamentos que se elaboren senón a destreza na utilización das expresións da moda correcta, puras palabras. Ou sexa, trasládase o interese dos significados aos significantes, das mensaxes ás formas, da idea á verborrea novo estilo, sublimación da intoxicación da vacuidade. Ou sexa, do pensamento á cháchara. 

Cuns exemplos pode que se me entenda mellor. Acabo de oír que non se di “Día da muller” senón “Día das mulleres”, porque as mulleres son distintas e non só está dedicado a unha. Ah. Interesante conclusión. E así pois, deixámonos arrastrar; non custa nada e así queda un mellor. Pero non. En absoluto. A balea é o animal máis grande do mundo. Singular con valor de plural, de categoría. En fin. Outra. Oio na radio a alguén que fala repetidamente “das persoas migrantes”. Vale. Para non dicir “os inmigrantes”. Imos ver. Para empezar, insistir -os profesores sabemos que debemos insistir no obvio porque hai distintas velocidades de aprendizaxe- en que se digo nalgunha fala neolatina os inmigrantes, los inmigrantes, els inmigrants, gli immigrati, etc. falo de homes e mulleres. Se quixese especificar só os homes, debería dicir “os inmigrantes varóns” e se me referise só as mulleres, chegaría con usar o xénero no artigo “as inmigrantes”. En fin, se digo, “os meus alumnos son boas persoas, homes e mulleres”, digo ben. E fíxense que para os dous xenéricos primeiros -alumnos e persoas- uso unha palabra de xénero masculino e outra de xénero feminino, e en ambas inclúense, obviamente, aos de ambos sexos, porque xénero gramatical e sexo son cousas distintas. Ou é que alumnos exclúe ás mozas e persoas exclúe aos mozos? Pois non. Se quixese especificar, diría os meus alumnos varóns, eles; as miñas alumnas, elas. E xa está. Ter que dicir ata a saciedade os meus alumnos e as miñas alumnas é antilingüístico e propio da cháchara instalada na suposta corrección. 

E imos co de “migrante”. Outra forma rara. Falamos de aves migratorias porque a súa esencia é non parar en ningún sitio, viviren en movemento. En colectivos humanos falábase de nómades. Pero nada disto ten que ver coa actualidade. Hoxe somos sedentarios, e se un ten que marchar é que se ve forzado a emigrar do seu país e a inmigrar a outro. Os galegos onte emigramos polo mundo e hoxe recibimos inmigración. Xa está. É fácil. E, para fóra, in, para dentro. E se non leva o prefixo latino, só quere dicir que se move, coma os paxaros, e oculta a realidade. Que pasa, que dicir “migrante” é máis progresista que dicir “inmigrante”? E o de “persoa”? Alguén pensa que son gatos? Por favor, deixémonos de cháchara, de palabrería, e atendamos o que debemos: axudar ao próximo como nos gustaría que nos axudasen a nós. 

Te puede interesar