Opinión

Entre o orgullo e a desazón

Hai cousas que fan sentir orgullo colectivo. Como cando se construíu, pactando, unha sociedade democrática, social, autonómica en España. Ou cando se organizou en Madrid, en quince días de 1991, en tempos de Felipe González, a primeira Conferencia de Paz entre israelís e palestinos, antecesora imprescindible dos Acordos de Oslo. Ou como cando España se pintou as mans de branco en xullo de 1997 para tratar de salvar a Miguel Ángel Blanco. Incluso cando o 11 de marzo de 2004, nunha onda de solidariedade, se xestionou unha inxestionable traxedia e se atendeu con axilidade máxima ás vítimas dos atentados xihadistas nos trens de Madrid, 192 mortos. Si. Abrolla o mellor de nós porque as actitudes colectivas imitan os comportamentos dos personaxes públicos. E se os dirixentes están polo pacto e acordo, as xentes están máis próximas ao arranxo das cousas polas boas que ao encabuxamento e ao lío. 

Pero outras moitas veces España sorprende e doe. Por exemplo, cando algúns asumen acríticos a Lenda Negra de España en América promovida polos ingleses desde o século XVI, por competencia colonial. Si. España inzou América de Universidades e deulle ao náuhtal, en México, en 1547, a primeira gramática de lingua indíxena americana; ou a que se mesturou cos indíxenas desde Hernán Cortés, facendo un continente híbrido, atura os insultos dos ingleses, franceses, belgas... que moito peor o fixeron. 

Estes días estou asistindo a un deses momentos negativos, polo que supón de esquecemento do pasado próximo e á aceptación acrítica de voces inerciais. A cruenta guerra destes días iniciada polo xihaidismo de Hamas e da Yihad islámica de Gaza, asasinando a 1.400 persoas e secuestrando a máis de 200, é saudada nas nosas rúas cunha tremenda falla de coñecemento e reflexión a través dun apoio automático e dunha defensa de Palestina que dista de ser tal. Porque como as cousas teñen o seu contexto, ese apoio, sen máis, hoxe, simplemente é o apoio ás posturas de Hamas e da Yihad, e unha censura ao presidente Abbas e á súa loita polos dous estados. Precisamente os que están detrás da ideoloxía que puxo as bombas nos trens de Madrid, no Clube Español de Casablanca e dos atentados de Barcelona, do Bataclán ou dos atropelos de Berlín, son os mesmos que invadiron o sur de Israel e masacraron a xente dos kibutzs. En España, o país que máis sufriu os atentados xihadistas de Europa, véndese como progresista apoiar estes grupos reaccionarios. Os amigos da paz e de Palestina deberían aproveitar o ataque combinado de Hamas e da Yihad islámica para manifestarse en contra do seu terrorismo, pedir a liberación inmediata dos reféns civís todos, o retorno da Autoridade Nacional Palestina ao control de Gaza e promover a negociación co Goberno de Israel de cara á solución de dous estados. Non hai alternativa. O soño xihaidista do exterminio de Israel como dos estados cristiáns das cruzadas de Cilicia, Edasa, Antioquía, Trípoli ou Xerusalém, que viviron entre os seculos XI e XIV, é antihistórico. Certamente a política do Goberno de Netanyahu, favorecendo a Hamas en Gaza fronte á interlocución de Abbas en Cisxordania ou as cesións ante os máis radicais propios, son un evidente erro, sinalado polos progresistas israelís e todos os amigos da paz. Pero, como non pode ser doutro xeito, todo queda aprazado ata a finalización do episodio militar actual. Despois deste 11S para Israel, Gaza deberá cambiar de mans, pois os actuais gobernantes só lle ofrecen sangue e sufrimento. Eu apostaría por unha forza de paz dos 22 países da Liga Árabe co apoio da ONU e a coordinación da Autoridade Nacional Palestina. Non creo que me fagan caso, pero déixolles unha idea. Pola paz.

Te puede interesar