Opinión

Os outros peches...

Se cada persoa é un mundo, cada comercio, cada negocio, é un universo. De persoas, circunstancias e oportunidades, cando menos. E é un universo en forma de iceberg: vemos unha parte, a relación co público, connosco, pero queda oculta a maior, se cadra eses 9/10 somerxido das masas de xelo, pero aquí de traballo e xestión. Por iso, para quen se achega navegando desde fóra, falar do comercio ou dos negocios, do que ve, e tratar de interpretar algo desde esa décima parte visible, é cousa bastante ousada e que debemos facer con moderación. En fin, había que verse na pel do que ten que tomar decisións para ver cales serían as correctas, segundo circunstancias para nós ocultas. Pero se só falásemos do que sabemos, o mundo estaría cheo de silencio. 

E isto vén a conto de que o outro día, en Baiona, pasei por diante do Refuxio do Antón, o máis mítico e exitoso local de viños, petiscos e ceas, en mans dunha familia de mozas afables e bulidoras, orixinaria das terras de Trasalba -por iso tiñan un retrato de Otero Pedrayo presidindo o local- que o ano pasado pechou. E envolvéndome diante da porta clausurada nun levián tecido de pensamento formado por trama de fíos de seda de sensacións sobre urdime de memoria deume por lembrar locais pechados en tempos recentes que, aparentemente, desde o barco que pasa a rentes do iceberg, eran existosísimas empresas. Por que, logo? Como? Que pasou? E o peche deses negocios que parecen ir moi ben -con fidelidade de público e movemento constante- é, ou debe ser, motivo de especial reflexión e desacougo. Un entende, loxicamente, que se un negocio vai mal, dá perdas, non se axeita ao que o mercado demanda, pois con dor de corazón, ten que acabar baixando a persiana. Pero que peche un negocio en pleno éxito e aprecio popular -quero lembrar, unha vez máis, á Ibense ou ó Alaska como exemplos, aínda que ben podían claro ser outros como o Porta da Aira, o Rei do Xamón, o D’Luís, etc. ou negocios doutros sectores fóra da hostelaría, como vostedes saben igual ca min- é algo que produce desacougo. Dalgún xeito preocúpame máis o peche do que vai ben, ca o do que vai mal, polo que significa de posibles dificultades persoais, desconfianza no futuro ou problemas de relevo e transmisión, cousas que van máis alá do efecto da crise os dos cambios de paradigma de consumo.

Os fillos non queren tomar o relevo porque imaxinan mellores formas de vivir? Son os pais os que non desexan orientalos a esas ocupacións e cando se xubilen eles, morra o conto? Non facilitan os donos asunción de responsabilidades dos empregados con máis iniciativa, para daren continuidade ás marcas? Non desexan traspasar os negocios a outros interesados? É todo cousa de alugueiros baratos que finalizan? En fin, a cousa é moi complexa. Parece que hai pouco orgullo de marca, de historia, de tradición que vemos noutras zonas do país. En fin, falta pulsión vital colectiva, propia e allea, en favor do comercio. 

Se cadra non pasa nada grave e é preocupación excesiva de amante da historia e das estorias da cidade. Xa non hai a Ibense, certo. Xa non hai o Alaska, certo. Xa non hai Trangallán. Pero hai o Bico de Xeado e hai o Comellón, e reabriu o Lar da Sabela e o Porta da Aira... O mundo móvese. “Uns ben outros mal, así se faz Portugal”, cantaba o Zeca Afonso. Igualmente, nós: uns ben, outros mal, así se fai a historia. Pero dá pena.

Te puede interesar