Opinión

Pactos e reviravoltas

Hai unha frase abondo repetida -eu creo que xa usei hai un par de artigos ou así- que advirte “unha cousa é o que se di, outra o que se pensa e outra o que se fai”, que, supoño, terán ben presente as empresas demoscópicas que actúan en Galicia.  Porque se con esa tripla disxuntiva imos tecendo a vida diaria -dicir, pensar, facer- non lles conto cando nos preguntan polas nosas ideas, as nosas preferencias ou, sobre todo, pola nosa relación con cousas que teñen espiñas e óso á vez, como son os temas políticos e electorais. E iso non opera só entre nós senón en toda España, e non sei se en igual medida en todo o planeta Terra. E se cadra, aínda máis alá. 

Pensemos que a finalidade última do debate político nos sistemas democráticos é un “sácate tu que me poño eu”, xustificado coa crenza e intención, normalmente sincera, de pensar que un o faría mellor có outro. Que  o faría mellor, enténdase, para o interese público; porque para o privado e persoal, depende da forma de vida de cada un previa ao salto político; de como tolere a diminución da privacidade, a ansia de “fama”, “popularidade”, “cartos” e tantas outras expectativas que penden desa corda frouxa dun horizonte suspendido entre dous cravos fondos: o do compromiso ético co colectivo, e o da vaidade particular.  E por suposto, non todos o fan igual. Non. Como dicía Fausto: “Uns vão bem e outros mal, assím se faz Portugal”. E Ourense.

E a frase “unha cousa é o que se di, outra o que se pensa, etc.,” tamén debe ser de cabaceira de calquera analista político, profesional ou afeccionado, e así a ninguén lle estrañaría que Sánchez se recuperase axiña do insomnio por ter que integrar no seu goberno a Podemos, ou que Jácome evolucionara coa velocidade da suba do interese composto desde o seu zafarrancho televisivo antibaltariano ao entendemento íntimo co seu “arqui-inimigo”. O caso é que nestes dous casos e noutros centos deles, non creo que sexa aplicable a apreciada palabra “pacto”, parenta de paz. Porque o pacto faise, si, para “traeren paz” entre grupos e individuos, sempre poñendo por riba os intereses do conxunto antes ca os próximos, inmediatos. Os acordos de puros intereses, próximos, inmediatos, non son pactos, son partos e repartos, “reviravoltas” non en favor da sociedade, senón da saciedade. Pacto implica sacrificio onde varios perden para que gañen todos. Os cidadáns entenden sempre os pactos moito mellor cás reviravoltas. Por iso, os pactos fanse entre contrincantes onde prima o compromiso nun interese superior e os seus actores contan sempre coa oposición dos ortodoxos. Quen nos ía dicir que os deputados das derradeiras cortes franquistas, os técnicos do sindicato vertical, os curtidos sindicalistas pasados polo cárcere, os novos avogados socialistas sevillanos, os comunistas que fixeran a guerra, un rei designado polo ditador... ían chegar a un grande pacto, para camiñaren xuntos pola vía democrática? Fóra daquela dinámica de grandes acordos quedaron, por sorte, os ortodoxos que criticaron e trataron de dinamitar, por unha banda e pola outra, o camiño común. Non é casual que cando se empezou a cuestionar o éxito daquela xenerosidade compartida chamada Transición, se abriran os tronos dos extremismos a destra e sinistra.

Cando os ourensáns din que á maioría lle gustaría un pacto de goberno PSOE-PP no Concello, creo que, desta vez, din verdade, e queren acompañar todos a normalización da cidade. Pode que ás arquitecturas políticas, sempre máis ortodoxas, lles custe velo; pero non así aos cidadáns do común, a quen deben servir. E cando eses mesmos cidadáns din que non a un acordo PP-DO, creo que distinguen ben pacto e reviravolta. En fin. Xa veremos. 

Te puede interesar