Opinión

Papel

Poño os ovos na porta da neveira separando os novos do vello solitario para consumir ese antes. Deposito no chao o cartón no que viña a media ducia. Póñolle un pé enriba e deixo caer todo o meu peso sobre el. O cartón, curiosamente, queda esmagadiño. Por cuestión de física, supoño, pasa a ser case plano. Cólloo e colócoo na bolsa de papel dun comercio calquera. Sigo. Sácolle o cartón ás latas de cervexa... Outra media ducia para a neveira. Dóbroo e métoo, tamén, na bolsa. Bótolle man á asa do paquete dos cartóns de leite. Ábroo, embrólloo e bótoo o plástico á bolsa deles, das latas e do tetrabrick. Vou metendo os paralelepípedos de pastoreo no estante correspondente. Como foi feito para os antigos, hai pouco máis de vinte anos, cando eran menos altos, entra xustiña esoutra media ducia. Para que logo digan que triunfou o sistema decimal. Ovos, cervexas, leite, paquetes en base seis. E os mexillóns nas latas, 6-12 grandes; 12-18, pequenos. En fin, collo o fino cartón que acollía as latas todas, dóbroo e métoo da bolsa do papel. Os sete xornais da semana, lidos, feitos os encrucillados, agardan dentro. Tamén hai algunha outra cousa. Se cadra algún cartón dun paquete que chegara a casa. En calquera caso, os papeis parece que ao ordenar as casas, multiplícanse. A bolsa, a rebentar. Todo papel ou cartón. Ningunha grampa, que case esfiaño as polpas dos dedos sacándollelas ós folios que as tiñan. E vén a noite e marcha o día. E toca ─tócame, claro─ baixar o lixo. Fago equilibrios coas tres bolsas penduradas de dedos diferentes porque non podo usar as dúas mans só pena de non poder abrir a porta; cos dentes é bastante complicado e pedir axuda para cousa tan simple, non quero. Baixo e acerto na distribución. O vidro queda para outro día. Conciencia tranquila. Reduzo, reutilizo e reciclo. A propaganda fai o seu efecto. Cada día poñemos máis todos da nosa parte. Todos? Como coa aldea gala de Astérix, e a lupa, todos non. 

Día equis, hora hache. Paseo polo Paseo. É xa noite. Vexo, dobradas, ordenadas, as caixas de cartón dos locais. Perfumerías, tendas de roupa, de zapatos... As tendas teñen cadanseu montón de cartón desmontado, separado das bolsas de plástico, que forman, tamén, candanseu novelo enorme, máis ou menos informe. E penso. O comercio resiste. Forza Ourense. E penso que boa cousa que eles tamén faciliten a reciclaxe. E penso que hai tempo que non vexo a furgoneta dos xitanos apañando nos cartóns. E nestas andamos, cando vexo chegar o camión do lixo municipal. Baixan da plataforma onde van empoleirados os eficacísimos empregados. Botan, a feito, man de todo: cartón, plástico, outros lixos. E bótano mesturado e revolto ás fauces enormes do monstro. E penso que non é culpa, obviamente, dos empregados, senón dalgún punto da organización do servizo. Eu na miña vida toda, non vou xuntar unha cantidade de cartón e papel igual á que poñen todos os comercios de Ourense un só día. E penso se non se podería mover o camión do papel, un día á semana, antes da recollida do resto. Non parece difícil. Cuestión de organizar as quendas de traballo. En fin. Que fácil parece gobernar casa allea!

En calquera caso, eu, crente nas erres (reducir, reutilizar, reciclar, repensar, reaccionar, restaurar, reformar, readaptar, redobrar, recambiar, recapacitar...) seguirei separando, clasificando, botando cada cousa no seu contedor, así se acabe o mundo. E a cada un a súa responsabilidade. 

Te puede interesar