Opinión

Dos pementos aurienses

Galicia é terra de pementos. Así, a eito, de todas clases, din os expertos que consumimos cinco veces máis do que producimos. Daquela é claro que o sector precisa un pouco de mimo, investimento e compromiso. E ata o onde eu sei, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, na Coruña, anda a elo. Seleccionado semente para facelas resistentes a unha enfermidade da planta chamada “tristeza”, un fungo que non as deixa medrar e as seca. E seleccionan sementes para logo volverllas aos produtores. Traballan sobre oito especies de Galicia, das que tres son da provincia de Ourense: Arnoia, Oimbra e Punxín.

Eu, a verdade, aínda que uns piquen e outros non e haxa simpáticas camisetas en inglés, estou farto dos pementos de Padrón. Porque o normal é que os fritan mal. Que se queimen ou queden crus. Que lles sobre aceite e sal. E de tardaren, veñen esmirrichados e aceitosos na fonte. E teñen máis rabo ca carne. E son, claro, de Marrocos ou de Murcia na súa maioría. E contra a fin do verán, non sei o que de bo haxa en que rabeen ata se faceren incomestibles. E saber non é que saiban pouco, pero saben a pouco. Había que comelos a centos. E como se ao que lle gusta a carne en vez de chuletón, pide chuletas de rato ou de mico. Ou como quen para calmar a sede vai a unha fonte cun chupito. Os pementos de Padrón, vidos de California ou do norte de México de man dos cregos do convento de Herbón, se outra cousa non hai, pódense comer, claro, pero son, recoñezámolo, unha piollada para os gustadores de pementos de verdade. Faláballes das tres variedades de Ourense. Antes, hai anos, na cidade levaban a fama os pementos de Seixalbo pero foron esmorecendo ao par do viño nas contornas da capital. Os máis vellos lembran cepas por todos lados e o mercado cheo de rianxo con pementos de Seixalbo. Pero xa non. A agricultura aquí, no fondo da “hoya de Ourense” que diría Albino Núñez, case desapareceu.

Así que non nos deixemos enganar sequera por eses pementos italianos longuísmos e insípidos que hai nos supermercados nin por outras variedades de colorinchos e invernadoiros murcianos. Consumamos pementos de aquí. Aínda que paguemos algo máis. Dásenos ben facer patria de forma caníbal: comendo e bebendo país. Clientes patriófagos hainos sen dúbida. O noso buque insignia, dos ourensáns, no mundo pementil, deben ser os da Arnoia (van pola festa 34, aínda que só pruduzan 66 toneladas) e os de Oimbra (andan na festa 17). Os de Punxín, que eu saiba, aínda non fan festa. Os de Arnoia son grandes, cadrados, de carne grosa e deliciosa. E fan un acompañamento de altura para unha tortilla, unha carne ou unhas sardiñas pingando no pan. Máis valen, sen dúbida, tres ou catro pementos da Arnoia que un cento e medio de Padrón. Os de Oímbra, bicudos, sempre doces, clariños, son bos incluso para conserva, pero hai menos produción aínda que a área xeográfica se estenda por todo o val de Verín e a montaña de Vilardevós ata Riós. A verdade é que eu lles son máis dos do Arnoia. Por proximidade. Terra boa, bucólica, de viño e tradición, terra ourensá e miñota. Pementos para gozar xenerosamente de sabor a tradición e a autenticidade. E non miniaturiñas de bonsai.

Te puede interesar