Opinión

Un pouco de morriña

Apalabra “morriña” é, se cadra, unha das máis populares da lingua galega. Tanto é así que mesmo a recolle o Dicionario da Real Academia Española. Tamén inclúe como propia de Cuba “amurriñarse” co mesmo sentido que lle damos nós, entrarlle a un a morriña. Claro que ao escribiren en castelán, non souberon ben distinguir o pechado noso do u, e en vez de amorriñarse, escribiron como escribiron. Pásalles ás veces. En fin, que igual que viñeron de Cuba ao galego a palabra “peso”, “chícharo” ou creamos nós a expresión “manda truco na Habana”, pois algunha tamén lle habiamos deixar nós naquelas terras quentes. E que mellor que a morriña e o feito de “amorriñarse” cando un está tristeiro.

E pois si. O outro día, o un de decembro, no Cemiterio de San Francisco, escoitando as fermosas palabras de Malores Villanueva -encantadora figura emerxente na crítica literaria galega- amorriñeime un pouco. O acto era o aniversario da morte de Blanco Amor. É lóxico que nos cemiterios sempre apareza algo de morriña. Non en van a palabra está relacionada con morte. (¡Que lingua a nosa que ata lle temos unha terminación cariñosa ao, metaforicamente, morrer por algo que xa non está: morriña!) Pois si, tal me sucedeu cando Malores comentou que a súa primeira lembranza de Ourense fora de alumna, cos profesores do seu instituto, facendo o percorrido da Esmorga. E véndoa alí, falando como autoridade no tema, imaxineina adolescente facendo o percorrido do Bocas e Milhomes e, entón, decateime do veloz -e sobre todo feroz- que pasa o tempo. Veume á cabeza, claro, o amigo Valcárcel -alí evocado- e o Benito Losada, de quen estes días se ultima o xustísimo expediente de honra da cidade. Lembrei, claro, o proceso de elaboración e colocación das placas da Esmorga, en 1998, cos fermosos azulexos de Manolo Figueiras. E os primeiros “roteiros” organizadas polo Clube Cultural Alexandre Bóveda, cos recitados nas paradas, cos comentarios dos amigos, cos grolos de licor café... E logo xa, outros anos, coas ceas no Liceo.

Canto impulso había! Que boa recepción! Dezaoito anos, xa. É maior de idade xa o Roteiro da Esmorga. Cómprenlle irmáns se queremos facer desta cidade nosa un destino literario atractivo. Temáticas hai de abondo porque hai moitos Ourenses literarios neste Ourense. Cantas cousas nos quedaron no tinteiro, meus amigos! Seis anos das vosas primeiras mortes. Moi lonxe as do esquecemento. Malores sería unha nena, pero nós xa eramos nós. E moitas cousas seguen pendentes. A pesar da morriña, avante. Sen capitáns, pero avante.

 

Te puede interesar