Opinión

O problema xudeu e o galeguismo e III

Faleilles nas dúas entregas anteriores do antisemitismo e desa desconfianza sobre a formación do Estado de Israel, en textos de galeguistas clásicos como Risco, Otero, Castelao, e vinculábao á influencia da Igrexa que contrarrestaba en ambientes católicos a posible simpatía por un pobo en diáspora a construír unha patria de retorno. Ata o cardeal Ratzinger, logo Bieito XVI, en 1995 recoñecerá: “Que o antisemitismo cristián preparou o terreo, (ao réxime nazi) ata certo punto é innegable. (...) De feito é un motivo para un constante exame de conciencia”.

Pero a actitude do nacionalismo galego actual non ten que ver con isto, pois nin a Igrexa segue nas mesmas nin ten influencia nesas cousas hoxe.

O antisemitismo militante -na súa forma actual de antisionismo, isto é a negación do Estado de Israel a existir- do BNG e doutras formacións á súa esquerda ten que ver coa orixe da súa formación. Vexamos.

Israel nace en 1948 coa apoio de todas as grandes potencias: USA, URSS, Inglaterra, Francia, etc. Entre as simpatías estaba a dos socialdemócratas europeos, pois sabían do ascendente socialista na organización do novo estado. Os kibbutzim, células de produción e vida colectiva, cunha igualdade entre sexos inédita, atraeron nos anos sesenta a moitos mozos europeos que ían pasar uns meses na procura da utopía viva.

A partir de mediados os cincuenta, co ascenso de Nasser en Exipto e a nacionalización do Canal de Suez, dentro do xogo mundial de influencias, a URSS pasa a apoiar e armar aos países árabes contra un Israel que é a cuña de Occidente na zona. E ese apoio vai facer que varias organizacións revolucionarias marxista-leninistas asuman esa visión e colaboren activamente coa feroz loita armada palestina contra Israel, ata a debacle da Unión Soviética.

Esa colaboración entre a ultraesquerda mundial, con Carlos Ilich Ramírez “Chacal”, moi ligado á Stassi alemá oriental, como clave, ten principais exemplos na implicación do Exercito Roxo Xaponés na matanza do aeroporto de Tel Aviv, en 1972; das Células Combatentes alemás no secuestro do avión de Entebe, 1976; da banda Baader Mein Hoff no secuestro do avión de Mogadiscio, 1977, etc. Eran épocas dos campamentos revolucionarios de Alxeria e do Líbano visitados polos aprendices de guerrilleiros europeos.

Daquela podiamos sinalar ter liñas na resistencia. Unha, o Fatah, de Yasser Arafat, laico, transversal, grupo máis importante da OLP; outra, a do Frente Popular de Liberación de Palestina, maxista-leninista, liderada polo médico cristián George Habash que se distanciou da OLP despois dos acordos de Madrid e Oslo e no se integrara Carlos Ilich Ramírez, e unha islamita, dos Irmáns Musulmáns de forte prédica en Exipto e crea a mediados dos oitenta, Hamás.

Neste contexto, a UPG -marxista leninista- intégrase nunha alianza (Carta de Brest, 1972) co IRA irlandés, e cos grupos corsos, bretóns, cataláns e vascos. En maio de 1975 insiste nunha declaración conxunta con ETA e PSAN(p) e impulsa a fronte armada de curta vida e tráxico fin coa inútil morte de Moncho Reboiras, en 1975. 

Esta vinculación coa extrema esquerda global aínda hoxe é visible, por exemplo, nos actos do Día da Patria en Santiago. Así vexo eu como un lastre dese pasado da UPG que unha das mostras da identidade do BNG sexa esa posición tan radical no conflito árabe-israelí a favor da aniquilación do Estado de Israel como predican os seus convidados por Galicia adiante, por contra, por exemplo, ás posturas de nacionalistas vascos e cataláns, moito máis asimilables ás dominantes no mundo occidental.

Te puede interesar