Opinión

A propósito de Raquel Tejada

 

 

Que cousas teñen estes estranxeiros! Desde Angela Merkel a Raquel Welch. Están un pouco coma cabras. Imos co conto. 

Lembro un día alá do ano 1987 en que nunha comida en Buenos Aires xunto con xente da colectividade galega, a esposa dun deles lle preguntou á miña que como se apelidaba antes de casarse. Cos ollos abertos pola sorpresa, aseguroulle: “Igual que agora”. A outra insistiu, porque non entendía que non usase o meu. Acabamos rindo, pero nos parecía andar nun túnel do tempo de paredes de caspa.

E faláballes da Angela Merkel que usa - ela casada en segundas nupcias co señor Joachin Suer- aínda hoxe e para sempre o apelido do primeiro home, do que se separou aos cinco anos de matrimonio. E ten esquecido o seu de nacemento, Kasner, ou sexa, ser é Angela Kasner. Certo que parece un despropósito que unha persoa teña, ou poida, cambiar de apelido varias veces na vida, tantas coma vodas. E non sei se este do cambio de apelidos entra nos dereitos de autodeterminación persoal porque, vexamos, por que me obriga a lei a min, cidadán libre, a levar os apelidos de meus pais, se a min os que me gustarían serían, por exemplo, Freeman Carballeira? Si. Nin o do pai nin o da nai: o que me pete. E non para toda a vida, por suposto. Debo ter opción de cambiar cando guste. E que o estado cubra os gastos. Ou sería disparate? Coma tantos.

En fin, que aquela mociña, filla do enxeñeiro aeronáutico boliviano Armando Carlos Tejada Urquizo e de Josephine Sara Hall, filla á súa vez dun prestixioso arquitecto de Illinois, chamouse de nación Jo (pola nai) Raquel (pola avoa paterna) e de apelido Tejada, como o pai, claro. Tiña sorte a moza: era guapa, lista e rica. E foi e casou ós dezanove anos cun músico, Jim Wesley Welch, de Misouri; colleu o apelido do marido e aínda que o home só lle durara cinco anos, o apelido foi para sempre: Raquel Welch. Claro que se tivese que seguir o costume de pór o apelido do marido, tería que se ter chamado Raquel Curtis, Raquel Weinfeld, Raquel Palmer, segundo a temporada. Imaxinan o lío de cambio de tarxetas da Seguridade Social e de crédito? Non me estraña que seguise atada ao que se desatou.

Á pobre da Raquel Tejada -prima carnal, por certo, da que foi primeira presidente da Bolivia (1979-80) Lidia Gueiler Tejada-, seu pai prohibiulle falar castelán porque, dicía, a lingua única na que se debía mover para triunfar nos USA era o inglés. Ela, de maior, saudosa, dicía que fora unha pena, que lle gustaría ter falado castelán con soltura, pero que tamén tiña que entender as razóns do pai. Sóame.

En fin, non de todo semellante é a historia doutra grande da pantalla de orixe hispana, Margarita Carmen Cansino, a quen coñecemos como Rita Hayworth. A actriz, filla dun bailarín español, Eduardo Cansino Reina –parente seica do intelectual vangardista Rafael Cansinos Assens-, decidiu coller o apelido de solteira da nai, Volga Hayworth, para o mundo do espectáculo. E fixo ben. Imaxinen que a ela tamén lle dese por coller os apelidos do seus cinco maridos, e tería sido sucesivamente: Margarita Carmen Judson, Wells, Khan, Haymes e Hill. Que traballeira. Que preguiza. 

En fin, que creo que o mellor modelo é o español. Nada de andar furgando. A cada un o apelido que lle cadre, de principio a fin, pero nada de andar cambiando o da muller polo do home ou viceversa. Cada un o seu. A verdade é que o costume, realmente, nunca existiu en España; nada a nivel popular, e como moito as mulleres que tiraban a clase alta, facíanse chamar “sra. de” ou engadían o “de” e o apelido do home, despois do propio. Pero iso desapareceu de todo cando o ferrolán aínda patexaba.

Te puede interesar