Opinión

Protestantes e o seu selo

Eu sonlles católico porque me cadrou. Tamén podería ter sido luterano de ter nacido en Suecia, por exemplo, ou ortodoxo se vise a luz en Grecia. Ou musulmán se me dese por nacer en Arabia, ou xudeu en Xerusalem, ou hinduísta se me parisen en Benarés. Si. A cousa esta da relixión na que un nace non é tema voluntario senón de casualidade, de localidade, de familia. É cousa que lle debemos á caste. Como a cor da pel. Como os valores. Como a relación coa honradez. Como a valoración do esforzo. Como tantísimas outras cousas. E como saben todos vostedes, ao nacer en Ourense, hai unha posibilidade altísima de que lle cadre a un ser bautizado no catolicismo e que lle guste a cachucha e o Entroido. Logo, de maiores, podemos facernos vexetarianos, ladróns, seriotes e ateos, pero ese é outro tema.

E téñolles unha grande simpatía polo protestantismo, en xeral, e polo ourensán en particular. Por varias razóns. Unhas próximas. Polo meu compañeiro Samuel Puente Marzoa, boa xente, a quen os malos curas -que tamén os había bos, por suposto- creo que non sempre trataban co respecto debido, alá na primeira metade dos setenta, no Instituto Masculino. E polo amigo José Luís Fernández Díaz, a quen lle debo unha prometida defensa dunha estampiña de correos. Outras razóns son de agradecemento ideolóxico. Si. A exaltación da responsabilidade no destino do individuo en liberdade, fixo que unha boa parte de Europa se puxese a traballar e a inventar a sociedade moderna, mentres que na outra cismábamos cos biosbardos e sobre se un fidalgo podía baixar o lombo ou non. Se miramos o mapa de Europa, vemos como a Europa protestante avanzou nunhas condicións xeográficas e naturais moito máis duras. No sur, paraíso mediterráneo, fiouse a solución dos seus problemas a outros, sempre externalizando responsabilidades, e asumindo mal os deberes inherentes aos dereitos que nos ía traendo a historia. A seguridade do pecado limpado coa oración ritual e confesión fixo que as dobres morais e a trampas aniñasen nas debilidades humanas. Tamén, no noso haber, está a mellor consideración das xentes dos países colonizados: misións, universidades, vontade de educación, moito máis alá do sucedido na Norteamérica protestante, por exemplo. E cando a sociedade se fixo laica, os populismos políticos inzaron sobre o catolicismo. 

Falo agora das paradigmáticas radicalizacións políticas italianas, francesas e españolas. Fronte á exaltación da vella caridade relixiosa, tocaba a invocación ritual á solidariedade. Pero da responsabilidade persoal, máis próxima ao protestantismo e xudaísmo, pouco se fala. Por iso teñen a miña simpatía. Que uno, claro, á simpatía que lles teño aos católicos comprometidos, dedicados á atención dos demais, aquí e alá. En fin. Que ten toda a razón do mundo o amigo José Luís. Parece un disparate que a Comisión Filatética de España non apoie un selo de correos de homenaxe ao quinto centenario da Reforma tan importante como o descubrimento de América. En calquera caso, a modernidade do mundo contemporáneo ten o selo, a marca, a impronta da reforma protestante. Por sorte. Ou grazas a Deus. 

Te puede interesar