Opinión

Rafael Guerra e o coche eléctrico

Foi Rafael Guerra un toureiro da década de 1880 famoso por ser un grande profesional e polas súas saídas e frases inxeniosas. Un par delas chegaron a nós como parte da cultura popular de tradición oral española: “Más cornás da el hambre”, que repetiu el Cordobés, e sobre todo a que vén a conto agora: “Lo que no se puede no se puede y además es imposible”.

Porque efectivamente, o aprobado en Europa, a extinción do coche de combustión para 2035, entre nesta categoría do que non se pode e ademais é imposible, técnicamente. Doce anos é moi pouco tempo. Doce anos atrás era 2011, e por exemplo, falabamos da “prima de riesgo”, da posta en vigor da lei antitabaco, do cese definitivo da violencia de ETA e gobernaban Zapatero e logo, a fin de ano, xa Mariano Rajoy. E se me din que parece onte, pois ese mañá de doce anos despois de que lean estas letras, está a mesma distancia. Non. Non dá tempo. As preguntas e as cuestións por resolver son moitísimas. Empezando pola urxencia, a conveniencia e a posibilidade. 

Desde o meu punto de vista -escéptico por natureza coas unanimidades que tratan de reducir o pensamento individual e moito máis se tratan de proscribilo, como acontece co cuestionamento da influencia antropoxénica na evolución do clima- non se trata de cambiar un combustible por outro, só mirando para o tubo de escape. Porque a cuestión é moito máis complexa. Por exemplo, o litio. Un mineral raro. Un móbil leva menos de un gramo e unha batería do ordenador, sobre 4,8. Cada batería de coche eléctrico, desde 8 kg a 80 dos Tesla de gama alta. E a minería do tal é do máis contaminante. 50.000 toneladas de residuos tóxicos por cada 1.000 toneladas de litio. E nalgunhas zonas, como o Salar de Uyumi, para unha tonelada de litio, dous millóns de litros de auga. Do impacto destrutor desta minería extractiva en zonas virxes nunca se fala. E onde se cargan os millóns de vehículos que dormen na rúa? E nunha situación especial (atasco en temporal de neve, por exemplo...), como respondería? Sen motor de combustión, a calefacción –ou o aire a condicionado- a batería duraría medio telediario. E despois que?

 O que creo que cómpre é revisar o modelo de mobilidade e entrementres reducir o uso do transporte privado e optimizar os motores de combustión, como se está facendo xa. O meu coche de hoxe consume a metade do que tiña hai vinte anos. Para reflexión: o colmo da ineficiencia enerxética é mover un Volkswagen Golf de hoxe -1.250 kg.- para transportar a un tipo de 70 kg., pois a inmensa maioría da enerxía consumida (o 95%, máis ou menos) está non en mover ao individuo senón na máquina para mover o individuo. E digo de hoxe, porque en 1974 o tal modelo pesaba 790. Tema un. Facemos coches disparatadamente grandes, pesados e complicados. Na sociedade tradicional á que non imos volver, os medios de transporte tiñan un consumo mínimo. Un burro, por exemplo, ou un cabalo, case comían a herba dos camiños e bebían auga das fontes. Unha bicicleta, que pesa entre 7,5 e 9 kg., movéndose coa forza de quen é transportado, pois é eficiencia máxima, pois a maior parte da enerxía consumida vai no transporte do individuo. E como o patinete eléctrico pesa entre 10 e 15 kilos, pois tamén é eficiente. 

Vemos como a mellora do transporte colectivo –tipo AVE a Santiago ou Madrid-redunda nunha redución do uso do vehículo privado. Creo que a cousa vai máis por aí. E as présas non son boas. Pero esta sociedade tan manipulada e manipulable, da obsesión, da inmediatez e do pensamento único é mal lugar para unha reflexión, por outra parte, imprescindible.

Te puede interesar