Opinión

Rebolos e raseros e cesas

Medir con distintos raseros” é expresión do castelán para significar que algo se xulga non polo que é, senón segundo de quen veña. Os galegos dos séculos precedentes usaban “medir con distintos rebolos”, pois dáse o caso de que rasero e rebolo é o mesmo: un pau cilíndrico que se pasaba por riba dun caixón de madeira que era unha medida de capacidade -ferrado, por exemplo- e así mediren sempre iguais cantidades de gran. 

Relacionado con isto, con esta diferenza de enfoque ou criterio valorativo de accións en función da proximidade á persoa que fala, está o que os romanos cultos chamaban argumento ou falacia “ad hominem”, ou sexa, opinar en función de quen diga algo, ou o puro intento de desacreditar a unha persoa para non entrar nas cuestións que propón. 

No mundo da política é o pan noso de cada día. Un exemplo extremo. Se eu pregunto: “Que che parece que queiran pór o bus gratis?” E se o interlocutor contesta: “E logo quen o propón?”, en vez de dicir ben ou mal ou depende, está sinalando que a súa opinión podería variar en función de quen fose o propoñente. Isto é lóxico porque actuamos cunha plantilla mental, cun esquema de fiabilidades no que encadramos o mundo que nos rodea -persoas, animais, marcas, etc.- e evítanos así empezar de cero en cada pensamento máis alá de nós. Estes esquemas son naturais e o único que se pode pedir ás persoas é que sexan flexibles e que activen a pestana de actualización, pois do contrario o dogmatismo da antiga versión coutaríanos a liberdade de pensar por nós mesmos.

E isto dos rebolos distintos podémolo ver en mil temas. Nalgúns lugares de forma radical, como o fútbol: os do Madrid nunca falarán ben do Barça nin do Atlético. E hai poucos espectadores neutrais, pois os que non nos gusta, nin vemos os partidos. E algo así pode pasar coa política. Un exemplo: Que tería acontecido se o resultado dunha reforma lexislativa dun goberno no PP puxese na rúa a 25 condenados por agresión sexual ou violación e máis de 400 visen reducidas as penas en menos de dous meses e medio? Imaxinan? Eu, probablemente, tería participado da indignación pública e participado nalgunha manifestación. Ah. Pero aí entra o “se o fixo ela, ten que estar ben” como argumento “ad hominem” (“ad mulierem” sería parvada posto que homo é un xenérico -relacionado con humus- no que están incluídos mulier e vir). Pero se alguén fai unha lei que poida ser interpretada de xeito tan favorable ao delincuente, unha de dúas: ou non sabe o que trae entre mans ou é feito a propósito para outros fins. No primeiro dos casos, non saber facer unha lei e provocar o efecto contrario ao declarado, debe deixar de estar ao mando, para o que hai sempre dúas vías abertas: dimisión, se se é consciente do erro e hai vergoña; ou cese, se o superior é o que se decata. No segundo dos casos, tratar de provocar un efecto distinto ao declarado -por exemplo, promover a erosión e o desprestixio do sistema xudicial de cara a un “cambio de réxime”- debe haber cese, sempre que o superior non comparta a idea do “cambio de réxime”, pois dimisión sería impensable. A primeira excarceración foi o 15 de novembro. Vai tardando.

Os pararraios funcionan ben, xa o temos comentado, tamén en política. Atraen sobre alguén próximo a atención negativa e os perigos. Pero se os técnicos que deseñaron o sistema erraron -demasiada proximidade a elementos inflamables, funcionamento incorrecto - poden a chispa estragar o edificio. Por iso deben andar con ollo, e se hai que substituílo, substituílo. 

Te puede interesar