Opinión

Respostas a unha pregunta ante unha foto de 1954

Imaxe, posibelmente tomada por Alfonso Vázquez Martínez, que tiña o seguinte texto ao pé: “Otero, Xaquín Lorenzo, Cuevillas, Xesús Ferro e o taxista que os levou camiño de Compostela no ano 1954”.
photo_camera A outra foto tomada naquela viaxe. Posiblemente tomada por Xocas, nela aparecen o taxista, Xesús Ferro, Alfonso Vázquez Martínez, Cuevillas y Otero.

A foto que publicou o outro día a amiga Maribel Outeiriño, e na que aparecen ao lado do taxi, xunto co condutor, Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Cuevillas e Xoaquín Lorenzo, corresponde a unha viaxe feita a Santiago o día 23 de decembro de 1954 para asistiren á homenaxe que o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos lle rendía a Xesús Carro e que significou, tamén, unha lembranza ao Seminario de Estudos Galegos do que este ano se celebra o centenario.

Sacou a foto, con toda seguridade, o seu amigo e compañeiro que fora xa do Seminario e daquela do Sarmiento e profesor do Instituto ourensán, don Alfonso Vázquez Martínez, pois existe outra foto idéntica, feita por Xoaquín Lorenzo, na que aparece retratado el no seu lugar. Se a cámara era dun ou doutro, non o sabemos, pero podemos pensar que fose de don Xoaquín pola súa afección á fotografía e non sería raro, sen ver a peza, que tamén puidese ser el, don Xoaquín, o que pegase a foto na madeira e fixese o cadriño pola súa afección ás manualidades que compartía co amigo e fotógrafo Augusto Pacheco, e da que nos deixou varias mostras.

Todos cinco, fixéronse tamén unha foto con Xesús Carro, nas escaleiras de Fonseca onde se celebrou a xuntanza, e nunha das varias copias conservadas, a que está en Penzol no expolio de Otero Pedrayo, leva á volta a dedicatoria “Ao meu egrexio amigo, don Ramón Otero Pedrayo, no grupo de Ourense, lembranzas do meu homaxe, o 23 de Nadal de 1954, víspera do meu 70 cumpreanos. Compostela. Xesús Carro”. E tamén hai varias outras fotos na escaleira e na xuntanza, xunto co resto dos asistentes entre os que se encontraban Luís Iglesias, Antón Fraguas, Filgueira Valverde, etc. Todas da autoría do fotógrafo compostelán Ksado que cubriu o acto.

O taxista que aparece era Emilio, “O Corna,” “o do pelo branco”, a persoa que habitualmente os levaba aos actos a Santiago, e o vehículo tiña a matrícula OR-1672, de 1931, segundo nos informa Rafael Salgado nun artigo da súa magnífica serie “Ourense no tempo”.

No Museo Arqueolóxico hai unha copia vella emnarcada tamaño grande -se cadra de 75 cm. de ancha- da versión na que aparece Alfonso Vázquez Martínez, e que aparece reproducida en varias fontes, impresas e das redes e usada en exposicións.

Te puede interesar