Opinión

Risco e Murguía

Nesta cultura nosa, tan adoradora do espello retrovisor, este ano vaise conmemorar, entre outras varias cousas, o centenario de Manuel Murguía, figura central, piar básico do Rexurdimento no XIX. Por certo, como saben, o día das Letras Galegas é o 17 de maio porque tal día aparece na dedicatoria do libro Cantares Gallegos. E Rosalía escolleu esa data como unha chiscadela de ollo, un agasallo ao seu home, Murguía, que nacera, precisamente, un día 17 de maio, pero de 1833. Ou sexa, indirectamente, a data do Día das Letras ten que ver co nacemento en Arteixo de Manuel Antonio Martínez Murguía.

Pois ben, Murguía e Ourense tiveron un trato difícil que evolucionou a mellor. Empezou a cousa mal porque aquí vivía Valentín Lamas Carbajal quen editaba os xornais Heraldo de Galicia e O Tío Marcos da Portela -un culto e cosmopolita, outro enxebre e popular- e había un núcleo de escritores en galego como Alberto García Ferreiro, Heraclio Pérez Placer, Curros Enríquez, etc. Murguía polemizou moito con Lamas e fixo o posible por desmerecelo e apagar a súa memoria acusándoo de copiar á súa muller Rosalía. Só despois da morte de Lamas, na resposta ao ingreso na RAG de Parga Sanjurjo, en 1907 -quen ocuparía a cadeira do vate cego- amortece, algo, as críticas.

Pero a cousa cambiou na seguinte xeración. O 1 de setembro de 1920 Vicente Risco fai de mantedor dun acto de homenaxe a Murguía en Mondariz ao que o coruñés non puido asistir. No evento tiveron un papel destacado outros ourensáns de nación ou adopción, como Marcelo Macías -que o presidiu-, Antonio Rei Soto, Eladio Rodríguez e a propia coral De Ruada. A admiración risquiá polo polifacético Murguía -e a compartida distancia por Lamas e con el do galeguismo “enxebre” das primeiras Irmandades aurienses- viuse correspondida polo vello factótum do Rexurdimento para que Risco ingresase na Real Academia Galega, coa proposta asinada, tamén, por Eladio Rodríguez e Lugrís Freire, o 15 de maio de 1922; xa coa revista Nós en marcha e a Teoría do Nacionalismo Galego publicada.

Risco dedicoulles dous significativos artigos a Murguía en Nós baixo o rubro de “redacción”. O primeiro, en febreiro de 1923, con motivo da súa morte e o segundo, dez anos despois, con motivo do centenario do seu nacemento, no número que leva a data de 17 de maio de 1933; outra “chiscadela” á historia, pois Nós aparecía os días 15. 

Nestes dous breves artigos senta as bases emocionais e valorativas do que sería a súa grande achega titulada “A significación histórica de Murguía”, unha biografía persoal, intelectual de fontes e contactos, en 36 páxinas, que apareceu no derradeiro volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, en 1934. Non hai dúbida de que Risco, “o guieiro” do nacionalismo nos anos vinte, se identificaba intimamente con Murguía. Cando o describe, parece que fala de si mesmo: “Home do seu tempo, iniciador de inquéritos, erguedor de problemas, abridor de vieiros novos, foi un polígrafo destemido que, aínda coa conciencia da esmagadora angueira que se botaba ao lombo, acometeu a novela, a poesía, a crítica literaria, a crítica de arte, a arqueoloxía, a historia, a socioloxía, o folclore, o dereito e mais a política...” 

En 1976 a editorial Galaxia compuxo ao redor deste artigo unha escolma de textos de Murguía e unha pequena achega de Bouza Brey, un libro no que co título de “Murguía”, iniciaba a serie “Conciencia de Galicia”. 

Os materiais orixinais, de Nós e os Arquivos, téñenos vostedes accesibles en Galiciana. Si. Murguía e Risco, dous pilares da ponte da historia de Galicia.

Te puede interesar