Opinión

O sabio pobo chileno

O día 13 de setembro de 2022 escribíalles nestas páxinas un artigo do que estou tentado a copiar o título; tal era “O fiasco da nova Constitución chilena”. Pero creo que mellor “O sabio pobo chileno”, porque é xente á que admiro fondamente e lugar no que, certamente, non me importaría vivir. Ademais, creo que acaba de acertar por segunda vez, en contra dos seus políticos. Mostra ben máis sentido común que todos eles. Sentido común que eu crin intuír no pobo as dúas veces que me cadrou estar alí, en dúas circunstancias históricas ben distintas. Unha con Pinochet vivo e mandante, alá por 1988, e outra en 2016, vendo a unha filla que daquela residía en Valparaíso. Ou sexa, cando os que naceran durante a miña visita anterior contaban 28 anos e o hoxe presidente, Gabriel Bóric, 30. E isto non lles é tema menor. Un guía ben noviño -se cadra dezaoito ou vinte anos- moi politizado, vendo unha exposición na vella estación de tren do Mapocho, como tantas outras polo mundo adiante reconvertidas para outras actividades, queríame informar de quen era Pinochet (ao que asimilaba disparatadamente con Hitler) e eu sorrín pois correra diante nalgunha ocasión das tanquetas que furrichaban auga. El xa nacera coa Constitución que trouxo a liberdade, en vigor.

E faláballes no artigo de hai un ano e pico, do farragosa, longa e disparatada que era a redacción daquel proxecto constitucional. Por poñer un exemplo das ocorrencia que se incluían, repítolles o seu artigo 55: “El Estado garantiza el derecho de campesinas, campesinos y pueblos y naciones indígenas al libre uso e intercambio de semillas tradicionales”. Manda truco. E esta, simplemente, era ridícula, pero non ofensiva. E cando o pobo derrotou o disparate da esquerda radical e o seu indixenismo alucinado, pareceume que o Gabriel Bóric soubera canear ben a situación, pois recolleu velas de inmediato. Daquela, os medios de comunicación españoles vinculados ao poder político dominante no noso reino, parece que eran parte e querían opór unha suposta “nova constitución” da liberdade, contra a “da ditadura”. E a verdade, o proceso da redacción da nova pasou totalmente desapercibido en España. Non estaba de moda. E nada -ou moi pouco- se dixo nos medios desta nova cita electoral. E así que, a touro pasado, boteille un ollo á rexeitada. Tamén un rollazo (170 páxinas e 62 disposicións transitorias finais). Con cuestións ideolóxicas prolixas e excesivas. Desde a prohibición do aborto a outras menores. Parece como se tivese como guía a anterior para darlle a volta ao calcetín. En fin, que a xente tamén lles dixo o que lles dixo e que, dalgún xeito é moi semellante ao que resumiu en España, o outro día, o presidente do Consello do Poder Xudicial en España: “Por favor, déjennos en paz”. 

A Constitución hoxe en vigor en Chile non é a da ditadura, non é a de Pinochet, algo que lle enche a boca a moitos comentaristas pouco informados. Máis ben é a que trouxo a actual democracia, e tivo 70 reformas desde 1989 que a convertiron no que é, a Constitución democrática do Chile contemporáneo. E si, lembremos que o 5 de outubro de 1988 -á penas uns días despois de eu volver de alá- o pobo chileno derrotou a Pinochet no plebiscito en que lles consultaba se debería seguir no machiño, cun “no” claro. Así que con este, van tres correctivos. Nin Pinochet, nin extrema esquerda, nin extrema dereita. Si señor. ¡Viva Chile, carajo!

Te puede interesar