Opinión

Sanxenxo e a pesada toponimia

As Academias, en xeral, son fósiles gardadores de esencias de saberes antigos porque os seus membros non proceden dunhas vangardas -sexan de linguas, artes, ciencias- que, normalmente, adoitan negalas. A RAE, por exemplo, é unha academia bastante arcaizante e pesada. E unha vez máis saca a relucir o tema de Sangenjo/Sanxenxo, o que permite que os defensores das esencias galaicas teñan a ben espreguizarse e volvan así todos ao tumba e dálle sen novos argumentos, pois xa está todo dito. E si, eu tamén lle agradezo á RAE que me facilite tema para lles comentar hoxe.

Imos ver. A cousa segue sendo simple. A evolución fonolóxica do nome dese lugar neste recuncho do planeta foi a Sanxenxo. Por iso a súa única forma oficial é a que é, e é a que debe figurar en carteis, impresos, en coincidencia, loxicamente, coa forma da lingua orixinal do territorio. E xa está. Non hai moito máis.

A partir de aí, como lle chamen noutras linguas -búlgaro, romanés, italiano, francés, checo, castelán, ruso, ucraíno, bantú, catalán, serbio, etc.- ou o que digan as súas academias, pois, a min, tanto me ten. Respecto o que digan para as súas parroquias, por supostísimo, pero ademais creo que no caso da do castelán -porque amo fondamente esa lingua- debería conducirse con máis tacto e prudencia. 

Todos sabemos que na toponimia hai endónimos -como lle chaman no sitio- e exónimos -como lle chaman a eses sitios desde fóra-. E os exónimos só forman cando o coñecemento dos lugares sobrepasa de vello ao de formación da lingua. Caso paradigmático, London/Londres/Londra. Pero hai outros máis simpáticos e o menos coñecidos: Múnich en castelán, Munich en alemán, Monaco de Baveria en italiano, Munique en portugués, Múnic en galego... Pero na fala orixinal, no dialecto bávaro, Minga. E non. Eu non vou usar Minga. E os pequenos lugares nunca teñen “versións out”. Raxó, Etxano, Leicester, Chaves, Olot, Mijas, Cudeiro, Malahide, Ushuaia... Loxicamente, as formas oficiais e nos letreiros das poboacións só poden ser as propias: Sanxenxo, London, Milano, Girona. Caso distinto é cando un lugar ten dous nomes de partida por estaren dúas linguas e tradicións distantes operando sobre o territorio desde os tempos do rei que rabiou. Así, Donosti/San Sebastián, ou Vitoria/Gasteiz. 

En fin, que as cousas tamén están suxeitas a modas e usos. A cuestión de Sanxenxo está resolta cando é a forma que usan nos medios e toda a xente que non milite na defensa agresiva do uniformismo lingüístico da España máis pobre neste campo, ou sexa, da que só ten unha lingua. E do mesmo xeito que a TVE di Girona, Maastrich, Toulouse en vez de Gerona, Maestrazgo e Tolosa pois di “Sanxenxo” e non lles medran as orellas nin lles cae a paletilla. 

Ademais, os usos sempre están influídos por variables extrafilolóxicas. E mesmo pode haber varios diferentes dentro da lingua, con normalidade. En Buenos Aires din “San Pablo” en vez de São Paulo, como na Península. E tamén lembro que me publicaran, cando dei clase en Salvador de Bahía, un artigo na prensa: “Galícia, um velho país com nova vitalidade”. Galícia: esdrúxula e respectando o ditongo final e non Galiza, pola vella e portuguesa. E pois si, nin portugués nin castelán son monolíticos nestas escollas. 

En fin que digan como lles pete. Pero que saiban que é de xente considerada ser amables e respectuosos cos usos e costumes das terras que visitan. E aquí, nós, chamámoslle como lle chamamos e gústanos ver como vostedes tamén o fan. Ou o intentan, polo menos. 

Te puede interesar