Opinión

Saudade do Hyundai Kauai

Saben vostedes coma min que as marcas de coches buscan para os distintos modelos nomes atractivos e seriados. Se lles digo, por exemplo, Seat León ou Toledo, xa me entenden. E lembro, precisamente, que cando Seat sacou en 1997 un modelo que se chamaba Arosa houbo polémica porque os máis achegados á lingua galega pedían que se chamase Arousa, etc. Se mal non lembro, ao final, ofrecían en Galicia matriculación coas letras “Arousa” baixo pedido; mais non sei ben como acabou o conto.

Pero como unha mostra de que as cousas da lingua galega non van todo o ben que deberían e de que imos perdendo terreo na inercia social, é a falla de reacción ante a denominación do novo modelo de Hyundai que chegou a nós no mes de outubro pasado. Si. Ese que en España, como na maior parte do mundo se chama “KONA”, en Portugal denomínase “KAUAI” pola obvia, para un galego tamén, carga semántica do nome orixinal. Si. Pensen nas reaccións que habería no improbable caso de que lle quixesen chamar en España ao seu modelo, por exemplo, Hyunday Coño. Pero en Portugal, obviamente, a previsión da marca fixo que se cambiase o nome do modelo, sen máis. Así pois, o Hyundai Kona e o Hyundai Kauai son o mesmiño. Si. E de onde lle vén o, para nós, estraño nome primeiro? Ben, pois como saben, no mundo hai máis de 7.000 linguas e, ás veces, por casualidade, unha palabra dun idioma significa algo totalmente distinto noutro, como por exemplo, en turco, iraní e árabe, ás laranxas chámanlle algo moi parecido a “portugal”. Por iso, antes de lanzaren un produto comercial, as empresas miran ben que non se poida prestar a bromas. 

E Hyundai declara que escolleu este nome “Kona” porque se quería dirixir a un público feminino, e para iso pensaron que nada mellor que usar un nome que para Oriente é fácil de identificar como evocación dun lugar paradisíaco e de café suave e de calidade. Si. Kona é a zona oeste da Illa Grande das Hawai -as praias naturais da Kona Coast, teñen pouco turismo- e onde se produce un dos mellores e máis caros cafés do mundo. Así entenderán algúns, de paso, a orixe do nome das cafeteiras que promocionaba en Galicia a famosa Karina Flánagan, madame viguesa, amiga de Fraga e doutros moitos políticos. Pois si, turismo, natureza, sabor, suavidade, eras os ganchos para unha campaña de publicidade dirixidas ás mulleres, por iso, a protagonista do anuncio principal do Kona en España foi unha persoa asociada a éxito, xuventude, beleza, independencia, fortaleza, etc., como Mireia Belmonte, a nadadora. 

En fin, o caso é que creo que esta asunción como “normal” de que un coche leve tal nome é, para min, un síntoma de certa debilidade cultural. Iso que claro, cada vez, a grosería -conforme aos cánones tradicionais que eu asumo- está máis normalizada. Incluso hai un grupo feminista en Compostela, moi activo, que se chama “Conas ceives”. Ah! Por certo, o nome alternativo portugués -que a min me gustaría que levase o coche tamén aquí-, Kauai, é a denominación doutra illa-a Illa Xardín- das Hawai. Non me dirán que non quedaba moito mellor o Hyundai Kauai que Hyundai Kona ou Hyundai Karallo. En fin, dalgún xeito estámonos facendo invisibles.

Te puede interesar