Opinión

Sentidiño e Nós

Os cataláns de outrora fixeron da súa palabra “seny”, unha marca de identidade. O seu seny, viña ser, máis ou menos, o noso “sentidiño”, forma cariñosa e entrañable de chamarlle a iso que nas linguas irmás din “sentido común” e “senso comum”. Si. O noso “sentidiño” é, se cadra, máis pousado, cunha carga de modestia especial, máis recollida, ante desacougos xerais e inaprensibles. É curioso como en galego se crean novos significados con estes matices especiais co sufixo -iño, -iña. Morriña é outro; ese pequeno “morrer” de saudades por volver á terra; ou aínda derivando máis, ese estar “amorriñado”, para decaído, saudoso, cheo de soidades.

Pois si, “sentidiño” foi a palabra que gañou na competición de palabras promovida pola RAG para que a xente a escolla como “palabra do ano” no 2019. Como ben saben, este é unha forma fermosa de involucrar á xente na súa fala e de obter un espazo positivo de difusión nos medios. Estaría ben que a Real Academia Galega, como homenaxe á palabra gañadora de 2019, a incluíse no seu dicionario, pois non aparece, nin sequera entre as expresións ligadas a “sentido”. Desde logo, para o meu entender, merecería entrada independente. Por exemplo: “Sentidiño. Substantivo masculino. Capacidade das persoas para valoraren con xeito e actuaren con corrección sobre as cuestións da vida que se lle van presentando”. Pois como saben vostedes, arestora, e con algo de perigo, faise esta escolla en case todas as linguas do mundo. Incluso, nalgunhas que non teñen Academias, como a inglesa, faise polos xornais, escollendo entre as palabras máis votadas polos seus lectores. E de aí o perigo. Os insensatos dos ingleses -creo que despois do Brexit poderiamos xeneralizar, pero se cadra mellor restrinxir e dicir os insensatos ingleses lectores de The Gardian- escolleron para este 2020 como a palabra do ano “shit” que vén sendo a expresión de contrariedade ligada ó produto escatolóxico coñecido entre nós como “merda”. E en segunda posición quedou “fucked” que vén sendo, simplemente, “fodidos”. Cando lle dás a xente a escoller no medio da contrariedade, normalmente ceiban todos o Barrabás que levan dentro.

E si, este ano a Real Academia Galega propúxonos seis palabras como finalistas para que votasemos na web, e foron “gromo”, “máscara”, “pandemia”, “vacina”, “seteiro” e “nós”. Non sei como se chegou a selección destas seis. Supoño que sería por iniciativa popular tamén, pois agora, neste tempo, existe unha valoración excesiva e tremendamente esaxerada da opinión popular en todos os temas, como valor supremo, máis alá da súa pura consideración como dato frío e neutral dato estatístico. Ou sexa, que haxa un 33 por cento dos mozos de EEUU que crean que a terra é plana non indica para nada que haxa un 33 por cento de posibilidade de que así sexa. Ou que exista “Master Chef junior” ou “First dates”, con grande aceptación popular, non significa que non fosen mellores os programas da TV franquista “Cesta y puntos” ou, da bendita Transición, “A fondo” de Joaquín Soler Serrano. 

Dito isto, dicir que me deu un pouco de arrepío ver o pronome “nós” -sen dúbida lembranza do centenario da revista e, tamén, reafirmación de nós mesmos nestes tempos avoltos- competir con esa nube de palabras do desacougo sanitario, por iso fixen un par de post nas redes pedindo o voto. Mellor turrar de Nós e de nós para arriba. Gañamos. Por unha vez.

Te puede interesar