Opinión

Shani Louk e o rapaz da camiseta rosa

Shani Louk era unha rapaciña de 22 anos, guapa, moderna, morena, pacifista e tatuadora na súa Alemaña natal. Cadroulle o outro día estar en “Supernova”, unha desas festas psicodélicas de chunda chunda e psicotrópicos presidida por un figura dun Buda xigante, á que eu nunca iría. Estaban a tres quilómetros da faixa de Gaza e outro tanto dun kibutz; alí non molestaban. Eran as 6:30 da mañá, amencía, e seguían bailando. De repente uns seres ruíns, urrando e cuspindo lume polas bocas dúas metralladoras, recrearon o inferno. Choutaban de parapentes, de camionetas, de motos, corrían a pé. Todo servía.

Os mozos que non caían, fuxiron como en soños de terror, en coches, a pé, ás carreiras por leiras acabadas de arar... Trataron de agocharse entre o mato, a meterse en refuxios antiaéreos, nas letrinas da festa, nas árbores dos arredores... A máis de 200 de nada lles valeu. Bombas de man, raxadas de balas e lume... Berros profanando un nome divino. Viñan a matar... e coller botín: aos sobreviventes, secuestráronos. Subíronos a jeeps, a motocicletas, a camións, e leváronos a outro inferno que se vía vir, Gaza. Xuntáronnos no subsolo cos nenos, mulleres, mozos e anciáns apañados entre o sangue dos kibutzs. Máis de 220. 

Nas imaxes iniciais do seu secuestro, Shani Louk berraba espantada e tremía. Logo, noutras, estaba aparentemente morta, deitada xa no fondo dunha camioneta coas pernas tortas mentres os seus captores, pisándoa, ensinan a “presa” nas rúas de Gaza, entre disparos o aire. E alí, un rapaz noviño, doce ou trece anos, cunha camiseta rosa, borracho, tamén, de odio e excitación, chouta e cospe no corpo inerte de Shani. O niño de cobras inxectado no corazón do rapaz topou unha fenda para saír. Educárono para o odio. A despersonalización da vítima, o primeiro paso. Pasear o corpo cazado como se fose un xabaril. As caricaturas dos xudeus na Alemaña nazi, buscaban cousificalos, e así os Einsatzgruppen disparaban, sen remorsos, sobre eles. E tal, fixeron, tamén, no ataque do 7 de outubro. E si, esta despersonalización existe en boa parte da militancia islamita, e, se cadra, por inxenua extensión, en parte dos radicais de Occidente. O antisemitismo está en voga da man desa extrema esquerda tan proclive ás equivocacións. Lembremos, entre outras, a participación das alemás Células Revolucionarias xunto coa Frente Popular de Liberación de Palestina no secuestro do avión de Entebe, en xullo de 1976 e en cuxa liberación de reféns por parte do exercito de Israel, morreu o irmán maior de Netanyahu, Yonatan. Alí, unha das terroristas, Brigitte Kuhlmann, foi alcumada polos reféns do avión como “a terrorista nazi” polos insultos antisemitas constantes durante todo o secuestro.

En fin, o que pasou entre as imaxes desesperadas de Shani Louk e as segundas do corpo inerte medio espido no fondo da camioneta, non o sabiamos. A nai queríase agarrar a un fío de esperanza, pero onte certificouse a súa morte: decepáronlle o pescozo o mesmo día da captura.

E si. Este secuestro, a vileza do ataque terrorista de Hamás e da Yihad do día 7 de outubro, decida en luxosas mansións do Mediterráneo ou do golfo Pérsico, abriu, como se sabía que ía abrir, as portas do inferno para Gaza. Pero parece que non lles importa. Os gazatís aparecen como peóns a sacrificar no xadrez dunha guerra interminable. A desgraza do pobo palestino debe acabar. Os reféns, liberados; os bombardeos, parados; os túneles, destruídos; un novo poder en Gaza. En Israel, debe haber, claro, tamén cambios para a paz. E de inmediato, frear, a ferro e lume, as iras dos colonos en Cisxordania. Novas dirixencias en ambas partes e unha grande presión dos amigos duns e doutros esixíndolles a via de dous estados seguros como o único camiño á paz. Se é que existe. Que non o sei. 

Te puede interesar