Opinión

Sobre o carnaval

Todo cambia, non ía ser menos o carnaval, pero hai unha constante: o éxito da festa, como da maioría delas  básase maiormente, nas favorables circunstancias meteorolóxicas: se chove e venta, na casa, estase moi ben ao acollido. E esa circunstancia é incontrolable, pero xa non imprevisible. Por iso a algúns pareceulle estraña a presenza de carpas por Ourense adiante, aínda que eu creo que sempre é bo ter puntos de encontro. 

Un cambio é a desaparición das “mascaritas”; ou dos disfrazados que ocultaban a súa identidade con máscaras e que se divertían impostando a voz e xogando a ver ser os recoñecían. Ou simplemente para transgrediren normas, sen culpa. Desaparecida, en certo sentido a vergoña, da ocultación da identidade pasouse á exhibición pura da imaxinación. Agora é moito máis unha festa de exaltación da liberdade individual, da capacidade de creación, que festa con senso crítico. As referencias políticas ou sociais, están, creo que por sorte, case desaparecidas:  nin disfraces de presidentes do goberno, nin de reis, nin de alcaldes... Dada que esta a política se volveu, en bastante medida, unha antroidada, o entroido pasa do tema. Lembro como nos tempos de Balbino concelleiro de Cultura, os do Pazo de Xa foi, sacaran á Praza Maior os escanos do Salón de Plenos do Concello e fixeramos unha antroidada trapalleira de como sería un pleno. Pero a realidade superou aquela ficción. Só os moi militantes fan un meco coa cara do Jácome, --xa ningún Baltar-- ou algúns, ben simpáticos, unha montaxe do Emérito, Corina e árabes. Esa é outra, agora, lévanse as montaxes curradas, entre moita xente. O tanque cos seus soldados, o exemplo. Na outra banda, o minimalismo da ocorrencia: o mozo que se botaba berrando en moto de xoguete costas abaixo polos viños, o que tal. Ou os que simplemente compran unhas abrigosas fundas de calquera cousa -pingüín, piña, unicornio, etc. que poñen sobre a roupa e tira millas, xa sen fundas nin furriche de auga. E o carnaval das estrelas case desapareceu. Debémoslle ao Trangallán e ao Casiano, por exemplo, o exemplo iniciático de liberdade, desvergoña e creación, pois eran poucos os que ousaban ser tan ousados, e así, hoxe unha das características do noso carnaval cidadán é a pouca transcendencia das competicións. Poucas cidades hai no mundo, creo, cun carnaval tan participativo, tan popular, con tantos disfraces por habitante cadrado, tan res publicano, no senso de cousa pública, se cadra por iso, as figuras de rei ou raíña nunca acabaron de callar. O desfile é cousa, sobre todo, para miraren eses rapaces que participan encantados da transgresión pautada e organizada –parece contradición—nos colexios o venres anterior. O vello dito de “martes de carnaval, copadera general” volatilizouse coa declaración de festividade e produciuse un arrastre curioso. O antes día grande, martes, pasou a ser o día de descanso post desmadre.  En fin, hai un costume, ese si, revivido a tope, sexa carnaval urbano ou rural entroido, entrudo, entrudio, antroido...; sexan peliqueiros, cigarróns, bonitas, felos, troteiros, zarrangueiros, pitas, galos, madamas...; sexan tradicionais ou inventados... E cal é ese costume universalmente remozado? Pois o pantagruélico cocido. Creo que máis que nunca en todas as casas –agás a dos humanos herbívoros, que de todo hai— comemos cachucha, lacón, chourizos de carne, de cebola, vitela, orella, con algo de patacas e grelos... aínda que que en moitos restaurantes prefiran o repolo porque dá menos traballo e non depende tanto das xeadas e do adiantado que veña o ano... mais os do Partido do Grelo gañaríamos por maioría absoluta. Adeus entroido. Ata o ano que vén.

Te puede interesar