Opinión

Soldadiños no Yad Vashem

Lembro dúas cousas, con cara moi distinta, da miña viaxe a Israel en 2009. Sorrío pensando no amable palestino que no seu negocio de Belén me pediu que cambiase de inglés a galego, pois vivira en Lisboa, tiña familia na Coruña, e prefería lingua ibérica; eu tamén, claro. Era cristián e ansiaba a paz. Acabeille comprando unhas figuriñas dun portal de Belén de pau de oliveira sen policromar e algunhas trapalladiñas de lembranzas.

Pero outra cousa, moito máis transcendente, lémbroa con cara seria e reflexiva. Especialmente estes días. No interesantísimo curso sobre o holocausto ao que asistía no Yad Vashem, o coordinador, Mario Sinay, ex-piloto e bo comedor de xamón,  facíanos de guía nunha visita ao Museo dese centro da memoria. Alí, xunto a nós, había un grupo de soldadiñas e soldadiños que estaban facendo o servizo militar e percorrían as salas cos seus  propios mandos, que eran os que lles explicaban as cousas. O noso profesor fixo connosco o mesmo que facían os mandos cos soldados. Ao chegar diante dunha copia xigante da famosa foto na que un alemán dispara sobre unha nai que trata de protexer o neno que ten no colo --e tal foi en Ivanhorod en Ucraína en 1942-- preguntounos que se vía alí. Eu, de partida, calei ante a evidencia, porque pensei que había truco. A resposta automática inicial era “Un soldado alemán disparando a unha nai e un neno no colo”. El dicíanos que non, que mirásemos ben. E as respostas seguían matizando “Un soldado das SS disparando polas costas sobre unha nai e un neno indefensos”. E non. A el, ex-militar, foi tallante. “Aquí non hai ningún soldado, só un asasino”. E este era o comezo para explicarlles aos soldadiños e soldadiñas, -e el a nós- o que é un soldado e o que é outra cousa. E a aqueles mociños e mociñas explicábanlles, que eles eran soldados e non asasinos. E que en ningún caso, en ningunha circunstancia, poderían facer nada así. Lembrarano estes días, supoño. 

Estou seguro que os desgraciados que cazaron coma coellos aos mozos no festival de música, que asasinaron os bebés dos kibutzs, ou que secuestraron xente a feito, tiveron unha educación ético-militar moi distinta. En calquera caso, o tema hoxe é se hai que estar cos participantes do festival ou cos que os masacraron. Cos homosexuais que festexan a liberdade da vida en Tel Aviv ou cos que os colgan das grúas en Teherán ou son executados, como en Gaza, en 2017 a Mahmoud Ishtiwi, por “depravación moral”. Coa premio Nóbel da Paz 2023 por loitar contra a opresión da muller e a defensa dos dereitos humanos en Irán (noticia case desapercibida en España) Narges Mohammadi, ou cos que mataron a Masha Amini, hai uns meses. Con atacantes ou cos atacados que se defenden.  A vergonzosa actuación da vicepresidenta de España, Yolanda Díaz, da ministra Belarra etc., posicionándose a favor de Hamas nestas accións e sen felicitación pública á Nóbel Narges Mohammadi, sitúaas entre as que escollen mal. 

Alguén ten que explicar que hai resolucións da Unión Europea (27-12-2001) que sinalan ao brazo armado de Hamás, as Brigadas de Al Qassam, como organización terrorista. E mentres isto non cambie, é lei. Daquela, é inadecuado que a prensa española fale de “combatentes”, “milicianos”.

As persoas de boa vontade que estes días se manifesten en favor de Palestina, deben saber que o fan en contra da vía pacífica e da solución de dous estados que propón a Autoridade Nacional Palestina de Mahmoud Abbas e toda persoa razoable en Israel. E fano a favor da terrible  agresión de Hamás e da Yihad Islámica que tanta dor produce a propios e alleos.  Por iso esas manifestacións foron prohibidas en Francia e Alemaña. Creo que cómpren novas hexemonías políticas e novos liderados en ambos lados para reiniciaren o camiño da paz. Pero  primeiro debe acabar esta guerra. 

Te puede interesar