Opinión

Susana González, graciñas

Se lles digo Susana González, se cadra non identifican á persoa de que lles falo. Pero se digo “Susi”, de Trasalba, a guía (xa ex) da Fundación Otero Pedrayo, a das colmeas, seguro que moitos de vostedes caen na conta. Porque, sen dúbida, de todas as persoas que nalgún momento tivemos relación coa Fundación Otero Pedrayo, ela e os seus pais foron os máis importantes, xunto con Agustín Sixto Seco, doutor galeguista e impulsor inicial e motor dos mellores anos da institución. 

Resúmolles a historia. A principios dos setenta, xa morta dona Eladia, a nai de Otero que era a que entendía das cousas de cartos e tratos da casa, uns caseiros entrampulláronlle uns papeis a Otero polo que estiveron a piques de quedar el e a muller, Fita, na rúa; aínda que fose a da Paz. A hábil xestión do profesor Ogando, xunto coa participación de varios amigos -entre eles aínda pode dar fe don Carlos Baliñas- lograron pagar o disparate e poñer fóra os cucos. 

Otero e Fita precisaban, pois, quen se fixese cargo corrente da Casa Grande á que eles ían por tempadas, e lembraron unha moza trasalbeña, Elisa, que coñecían de vello –servira de moza na casa con dona Eladia- e marchara á emigración, coma todos naqueles anos e naquel sitio, a Luxemburgo. A rapaza casara cun mozo, Juan, dos Currás, nas terras do Rodicio, e devecían por volver. Total, que o matrimonio e a súa filla Susana, Susana González, instaláronse como caseiros na casa grande de Cima de Vila en 1973. Eles ocupaban os primeiros cuartos, os que teñen o chan de pedra, separada da parte “señorial” por unha porta, normalmente pechada se non estaban os donos, os señores da terra.

Alí, os tres, despois foron catro e cinco, viviron acubillados baixo o mesmo teito que Fita e don Ramón. E non teño dúbidas de que Otero, meniñeiro e sen fillos, lle tivese un punto de cariñosa envexa aos caseiros. Era época de afectos e xenerosidade, de señorío e palabras dadas. 

Á morte de Otero, en 1976, a familia seguiu termando das cousas correntes da casa mentres os amigos de Otero e outros achegados -era a dinámica época da Transición- ían coa xenerosidade do vello galeguismo, interpretando como se dun oráculo oculto e misterioso se tratase o limpo e claro testamento de don Ramón. Así organizaron as cousas do Padroado e, logo, Fundación.

Total que os anos foron pasando e a familia pasou de caseira a encargada do Pazo, aínda que desde 1977 xa en casa de seu, nun terreo que lles vendeu don Ramón, nunha estrema do Souto. E Susana, que estivera no colo de Ramón e Fita, pasou na súa adolescencia a ver en primeira liña aquela casa e aquelas festas cheas de intelectuais de alto nivel da grande -e xa extinta- familia galeguista. E Susana, de xeito case inercial, fíxose cargo das cousas da casa. E tanto varría como pasaba o tractor, axendaba visitas escolares ou facía de guía, tecendo fíos e emoción de vivencias propias e memorias prestadas.

Case poderiamos invocar a cita do “Cantar del Mío Cid” cando a súa entrada en Burgos: “Dios, que buen vasallo si oviese buen señor”. 

Agora que ti, Susana, tamén marchaches da Casa Grande de Cima de Vila, quero darche as grazas por un traballo e compromiso do que fun testemuña directa durante o cuarto de século que servín á Casa desde postos de responsabilidade, en segunda fila. Sorte nas túas novas andainas. E sorte á Fundación. Que nunca lles virá mal. 

Te puede interesar