Opinión

TikTok e a ameaza na casa

Non lles son eu dos que lle teña medo ás novas tecnoloxías. Nin ás vellas. Sei que as navallas se usan máis para abrir paquetes, cortar chourizo ou tallar marabillas na madeira, como fai o Moxom, que para pólas no peito doutro para atracalo. Así, as novas formas da comunicación, entre elas os teléfonos móbiles e a conectividade permanente e global, tamén se usa para ben e para mal. Se salvan vidas ao permitiren avisar de inmediato aos servizos sanitarios, provocan morte nos que van distraídos enredando co móbil ao volante. Como a navalla, usos bos e malos. Pero non todo é asegún. Un puño americano é, per se, ruín. Como unha mina antipersoa.

E no caso de TikTok e algunhas outras aplicacións hai que saber se son da familia da navalla ou do puño americano. Seguramente, unha cousa intermedia.

Hai uns meses coincidín nunha charla con Inma Gil Rosendo, ourensá de orixe, cun destacado posto na BBC encargándose do tema das redes e novas tecnoloxías da comunicación. Sinalaba que na emisora abriran un canle en TikTok, pois tiñan que ofrecer a súa información á xente nova onde estivese e na súa linguaxe. Tamén nos indicou que, en paralelo, volveran emitir en onda curta, para os vellos transistores dos ucraínos, pois era moito máis indestrutible cás redes modernas. Os que a escoitabamos sorprendémonos de que a BBC entrase nese xogos. Pero eles ben saben o que hai.

E vou co caso do TikTok. No canal de Youtube do simpático liberal e libertario santiagués, “auto exiliado” -iso di- en Chipre, Fabián C. Barrio, fai unha lectura case apocalíptica de TikTok, moi no seu estilo, pero non exenta de parte desa razón que, xa se sabe, vai por barrios, e nunca mellor dito. Resulta que TikTok, é propiedade dunha empresa chinesa, Bytedance, vinculada, coma todas, co Goberno comunista local. Ten unha versión para aquel país, Douyin, usada diariamente por uns 700 millóns de persoas, case idéntica a TikTok pero con cambios: só permite 40 minutos de conexión ao día aos menores e o algoritmo prima contidos relacionados con experimentos científicos, educación patriótica, logros da sociedade chinesa, a carreira espacial, os pandas, os elefantes asiáticos, o mundo deportivo... Tamén, por suposto, de ocio e diversión, pero sobre todo desafíos en cuestións intelectuais, tecnolóxicas, deportivas ou de interacción social. E se repasamos a historia da educación da xente nova, vemos como ao principio, na prehistoria, educaba a tribo; logo foron a familia, a escola e a sociedade; a continuación, a televisión, a familia e a escola, e por último, hoxe en día, en amplos segmentos sociais case só a pantalla. Ou sexa, redes e TikTok. E así nos vai.

De xeito non inocente, Bytedance usa algoritmos distintos na selección de vídeos e ofrecer en China e Occidente. Alí promoven cidadáns que admiren o esforzo, a intelixencia, a competición, a integración no grupo, o acriticismo e a obediencia ás autoridades. Cousas boas unhas; ruíns, outras. Entrementres os algoritmos para nós parece que promoven contidos parvos, brutos, histriónicos, desprezo do esforzo e do saber, como outros espazos da rede. Esta é unha das razóns que explican o xa chamado “liderado gamberro” en Occidente. Tanto ten que sexa Trump, como Bolsorano, Maduro, Meloni, Pablo Iglesias, Jácome ou Abascal. En todos hai un xesto despectivo co que descoñecen, un gabarse da súa singularidade como única opción aceptable, un insulto e menosprezo polos demais e pola tradición de progreso e democracia que ata aquí fixo avanzar as sociedades occidentais.

Se me preguntan quen creo que dominará o mundo en 30 anos, se os que ven o TikTok ou os do Douyín, temo o mesmo que vostedes. En fin, non sei que se poderá facer. Á parte de empezar a aprender chinés, claro.

Te puede interesar