Opinión

Toca chea?

Non crean que me refiro a unha megapaparota ou megabebedeira de máximo desfase, desas tipo cocido entroido de nivel 4.0 que tamén se ven no Nadal e en calquera celebración que queiramos santificar segundo a tradición identitaria galega e que chamamos tamén “enchente” como sinónimo tamén de riada. En fin, se algún día teño vagar gustaríame facer unha historia dos banquetes político-culturais en Galicia partindo, claro, do de Conxo, que en 1856 deu inicio ao Rexurdimento. E tampouco penso na lúa, que tocar toca precisamente o contrario, nova esta noite, polo que a seguinte chea -plenilunio, polo fino- será a 12 de decembro.

O que me dá o corpo que toca este inverno é a chea do río. Si. En Ourense sempre lle chamamos “chea” a eses excesos de auga no río, tan cíclicos como rechamantes e naturais. Os portugueses tamén lle din así. Calquera que teña ceado nalgún dos vellos restaurantes da Ribeira do Porto seguro lembrará marcas sinalando as “cheias” de tal ou cal ano. Aquí, que eu lembre, hai só dúas marcas de cheas en pedra na cidade. Unha no Barbaña, nunha pedra dada a volta, debaixo da Ponte de Erbedelo, que debía formar parte da antiga Ponte Pedriña, desmontada cando se fixo a estrada de Erbedelo, obra á que ía traballar o Cibrán, o protagonista d’A Esmorga, e que debeu ser alá por 1869 ou así, que lembro ter visto un perfil desta ponte no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, e que tiña un arco cuspidiño ao da Loña ou ao que en 1945 chimpou a riada en Ponte Pelamios. Vin a tal inscrición un día, creo que mo dixo o amigo Juan Carlos Rivas, pero agora coas silvas xa non se ve, pero alí debe seguir. A outra inscrición é preto da Casa do Peón na Ponte Vella e ten unha raia horizontal e a data dunha das grandes riadas do século XIX, 1843. 

Si. Normalmente non había demasiados estragos, agás derramar pontes mal asentadas, como a Vella nosa, porque a xente, que non é parva, sempre lle fixo caso ao de “nin casa ao pé do río nin viña ao pé do camiño”. Asolagar podía asolagar beiras, se cadra viñas, pero construcións, case nunca. Lembren vostedes como a cidade naceu e se desenvolveu a máis dun quilómetro do Miño, e nin sequera ao pé do Barbaña, senón nas encostas de Montealegre. Así, xa podía subir a auga o que quixese que na parte norte, no actual barrio da Ponte, nada afectaba por estar esa beira máis alta; pero tampouco na parte sur. O único edificio ó que podería chegar era a Capela dos Remedios, desde o século XVI. E despois, claro, xa nos comezos do XX, o patio dos Salesianos.

En fin, que desde que hai embalses, o río foise domesticado; o que non é óbice para que de cando en vez, volva ao seu. Lembro a chea do ano 2000 no que a auga entrara no aparcadoiro do Centro Comercial Ponte Vella, pouco antes de ser inaugurado. E as últimas, dos anos 2010, 2011 e 2014, deixaron, segundo a prensa, danos nas zonas termais da Chavasqueira, Muíño da Veiga e Outariz, de 300.000, 600.000 e 45.000 euros respectivamente. Si, non me estrañaría que este ano tocase chea; toca cada tantos anos, sen fallo. E cando se asolaguen as pozas diremos que se cadra era boa cousa levalas un pouco máis lonxe e arriba da beira do río porque como podía dicir, tamén, o refrán: “Nin terma ao pé do río, nin viña ao pé do camiño”.

Te puede interesar