Opinión

Vinte e cinco anos do arquivo sonoro

O tempo pasa ferozmente. Hai vinte e cinco anos, Filgueira Valverde acolleu con entusiasmo no seo do Consello da Cultura Galega unha iniciativa que lle viñamos de presentar o profesor Antón Santamarina do  Instituto da Lingua Galega e máis un servidor, para o impulso  á formación dun proxecto de Arquivo Sonoro de Galicia que tivese como obxectivo o traballo de recompilación, custodia e investigación da documentación sonora que houbese en Galicia ou referida a Galicia. Tanto a de tipo culto -fondos de radios, asociacións, museos, centros de emigración...- como popular -entramos en contacto con grupos que se dedicaban á recollida, promovemos algo nas escolas, etc. A nosa idea promover o interese nesas cuestións e, na medida do posible, facer copias que garantisen a súa permanencia. Sempre que puidemos dixitalizamos materiais e devolvemos orixinais: interesábannos os documentos, a información e non os soportes físicos. As coleccións máis significativas daquela primeira época foron as localizadas en Buenos Aires grazas, fundamentalmente, ao noso traballo docente naquelas terras. Así, nos Centros Galego, Galicia e nun par de coleccións particulares, apareceron ducias de ducias de conferencias e discursos entre os anos corenta e os oitenta do século XX, do máis escolleito da intelectualidade da Galicia territorial e do exilio. 

E como a investigación en si non é tan importante como a súa proxección na sociedade, dedicámonos, naqueles primeiros anos desde Ourense, coa colaboración de dous homes senlleiros da radio,  Alfonso Cid e Vidal López, a facer casetes que devolveron a vida a voces históricas de Galicia, como Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Xesús Taboada Chivite, Xoaquín Lorenzo, Ferro Couselo, etc. etc. Para iso, promovemos un bo número de convenios sen papeis -o mundo era moito máis simple daquela- e publicáronse casetes xuntamente co Colexio Médico de Ourense -discursos de Otero Pedrayo-, a Deputación -discursos de Blanco Amor-, La Región -no setenta e cinco aniversario de Nós, de Otero Pedrayo- co Museo Arqueolóxico -catro casetes de Ferro, Taboada Chivite, Xoaquín Lorenzo e Otero Pedrayo, no centenario da Institución, etc.  Daquela a Consellería de Educación apoiounos a través dun proxecto de investigación, e empezamos cun par de bolseiras de técnicas de son, e documentación que á postre, foron as que quedaron traballando fixas no Consello.

A verdade é que creo que fomos quen de espertar interese no asunto e facer bastantes cousas. A idea que mantiña eu era que de igual maneira que a administración se encarga dos arquivos de papel ou da imaxe tamén debería facelo dos de son. E para iso, o Consello da Cultura Galega, como organismo encargado de promover iniciativas e reflexión, impulsaría o proxecto pero non debería chegar a xestionalo definitivamente, pois non tiña posibilidade normativa xeral, nin recursos, nin encadre orgánico, nin era lóxico. Os distintos presidentes Figueira, Casares, Zulueta, Villares, tiveron sensibilidade positiva, se ben, foron reacios a “desprenderse” del, e a Xunta tampouco amosou interese en asumir unha traballeira que, dunha forma ou doutra, xa se estaba facendo desde outra institución.  Hoxe o mundo cambiou, novos tempos, novas estratexias, novos soportes, novas vías de difusión. Os materiais do Arquivo Sonoro están en Gaiás, na Biblioteca de Galicia, e dependendo do Consello da Cultura. Xunto coa lembranza, os meus desexos de éxitos e fructífera vida.

Te puede interesar