Opinión

Viva a Noiteboa, o Nadal e os Reis Magos

Desde hai case dous mil anos celebramos a Noiteboa, o Nadal e a chegada dos Reis Magos. Da mesma maneira que na antiga Roma celebraban outro tipo de festas, nós, os fillos cristiáns daquelas culturas clásicas, vimos celebrando estas. E tanto ten se somos católicos, coptos ou ortodoxos, ou mesmo agnósticos ou ateos descendentes desta raíz. Sabemos que Noiteboa e Nadal son motivos de alegría, xuntanza, lembranza, ilusión, bos propósitos... Ou sexa, cousa positiva e boa.


Por iso, creo que a ignorancia do Nadal, baixo premisas supostamente progresistas, é perigosa polo que supón de non decatarse por onde vai o mundo. Que un concello faga unha festa de solsticio de inverno, perfecto, pero non como alternativa ao Nadal con escusa na neutralidade institucional. Sen dúbida, a nosa relixión, a relixión da terra, creamos ou non nela, é a cristiá; católica e, en menor medida, protestante. Se cadra hoxe xa só a metade da xente casa pola Igrexa, pero case o cen por cen fai funerais e celebra coa familia o Nadal. E todas as demais relixións, merecen, por suposto, máximo respecto, mentres nos respecten a nós aquí e nos seus países; reciprocidade, claro. Pero de igualdade, nada. En Galicia, cunha identidade baseada na parroquia, cunha das tres cidades santas do cristianismo, e lugar de chegada dun camiño de peregrinación, e cun escudo cun cáliz, ninguén pode pretender tratar igual ao Nadal que ao Ramadán. Ou ao lacón que aos dátiles. 


E especialmente me sinto partícipe desta tradición de Nadal, cando vexo o xenocidio que están sufrindo comunidades enteiras de cristiáns por boa parte do mundo, coa pasividade extrema da opinión pública occidental. Porque é obvio que non todas as relixións son iguais. É o que se di, o que se predica e o que se fai. Así, a influente revista Dabiq, órgano do Estado Islámico, despediu a súa cabeceira, co número 15 este verán, cun artigo principal “Broke the Cross” -rompe a cruz- e tanto na portada como na contraportada, cruces rotas. O novo nome da publicación, “Rumiyah”, vai polo número dous, fai referencia a Roma, coa intención de potenciar o odio contra a tradición e contra as liberdades modernas de occidente, e fixar obxectivos, lugares míticos a conquistar: Constantinopla e Roma. 


Porque, efectivamente, unha das teimas desta revista é atacar aos que din que o Islam é unha relixión de paz. Éo do libro e da espada, insisten; ou é que se expandiu en tempos de Mahoma con “boas palabras”? Para os do libro fan uns plúmbeos artigos teolóxicos; para os da espada enchen a revista de imaxes arrepiantes, entrevistas cos seus heroes, consellos de acción, e explicacións de por que e como e matar infieis. Ata teñen contadores de atentados e apps para nenos con xogos: “Escolle obxectivo”. O que é xa evidente, é que esta interpretación ten apoios abondo entre os musulmáns de numerosos países como para atacar continuamente as minorías cristiás... Milleiros foron masacrados este ano e ducias as igrexas destruídas en Siria, Iraq, Exipto, Nixeria, Paquistán, Somalia, Sudán, Libia, Bangladesh, Filipinas, Indonesia... Nestas datas de reflexión e de desexos de Paz e Ben, a miña lembranza e irmandade especial para estes cristiáns que sofren e morren por selo.

Te puede interesar