Opinión

Endemismos en perigo de extinción

Hai un par de días tiven ocasión de ler un artigo sobre a presenza de xenes endémicos en certas zonas do interior de Galicia. Isto é: que dende hai séculos hai parroquias que nunca recibiron poboación allea a estas zonas. Algúns destes xenotipos deben datar dende antes da chegada dos romanos. 

Todos os que viñeron por aquí foron pasando, pero apenas quedaron moito tempo. O xusto para levaren ó que lles interesaba. Ouro, viño, xamóns, madeira, pedra, carne, mau de obra, etc. O primeiro que se me veu á cabeza foron as notables  políticas de protección das variedades autóctonas de animais e plantas que son únicas e que compre promover por un tema non xa de orgullo patrio, senón seguindo as directrices de promoción da biodiversidade, tema chave para a superviviencia de certas especies (incluída a nosa). As “razas” autóctonas como a vaca vianesa, a pita de Mós ou certas variedades de cereais, teñen un plus debido á súa escasa presenza, polo que compre subvencionar a súa cría e expansión. 

E qué pasa con nós? Diría calquera paisano. Pois para nós, os membros da especie humana que residimos no rural, non hai nada diso. Mantedores da paisaxe, dos productos típicos (agora xa producidos industrialmente, envasados e comercializados por grandes productores), da nosa tradición oral, patrimonial e da nosa memoria, seica non merecemos tal. Non se pide xiquera que se nos trate mellor que ós outros seres vivos. Pero doe ver como cando o “jabalí” deixa os escasos rabaños que quedan sen herba, o único que pensan os habitantes das ciudades é que non entren nas súas rúas. E namentras que se sigan a reproducir, que hai que conservalos. Nin hai un censo nin un control, aínda que un exceso pode ir en detrimento das propias especies autóctonas (vexetais, animais e humanas). 

Alguén reparou nisto? E poderíamos acollernos nós tamén a alguna figura de protección? Aínda que nos etiquetasen coma “indíxenas” ou “variedade endémica”? Que falen os “expertos”, que eu non o entendo. E os paisanos, ignorantes coma mín, tampouco. Igual é que non nos enteiramos de nada e compre darnos leccións de como facer as cousas, de como coidar ós animais ou de cómo sementar ou dalgunhas normativas “estúpidas” que nos fan máis difícil vivir que nunca. Pero que veñan pronto, que nos extinguimos.

Te puede interesar