Opinión

A sociedade que nos espera

Escribiu Voltaire, fíxoo en "Mélanges", que a "superstición que hai que extirpar da terra é aquela que, ó converter a Deus nun tirano, convida a tódolos homes a ser eles tamén uns tiranos. Aquel que por primeira vez afirmou que hai que contemplar con horror a tódolos réprobos puxo o puñal nas mans daqueles que ousaron considerarse fieis a tal verdade e, aqueloutro que foi o primeiro en prohibir calquera clase de comunicación cos que non eran da mesma opinión ca eles, fixo soar o toque de carga das guerras civís ó longo de toda a terra." Consulten por se non traduzo ben.

Hai xentes ás que lles horrorizan os percebes; din deles que son uns dedos negros cunhas unllas noxentas e non se explican como somos quen de desfrutar coméndonolos. Unha centoliña, cando non un bo centolo, antóllaselle a moitos uns bichos execrables, unhas arañas de mar, no millor dos casos. Non falemos da lamprea por moi ricas que a súas carnes sexan en potasio e pródigas en sabores e texturas que a nós se nos antollan deliciosos. E que me din dunha cacheira de porco celta, de amplas orellas e fociños fozadores que nos fai cantar, cheos de contento, aquilo de "San Antón, San Antoniño dame forza no c... coma ó porco no fociño"? Seguramente este mesmo comentario alporizaría a máis de un producindo unha reacción que millor ha ser non cualificala. E que dirá un xudeu respectuoso coa inxesta kosher da nosa predilección polos mariscos ou por calquera peixe que careza de escamas? Parecerémoslles réprobos? E un musulmán do nosa querenza ó lacón con grelos?

É certo que existen inxentes cantidades de exemplos menos prosaicos que os que acaban de ser expostos, máis conceptuais, comprendidos nun fluxo de conciencia propio de xentes cultivadas; pero non é mentira que, sendo da simplicidade que son, recoñecendo esta como se recoñece, pero precisamente por iso, han ser entendidos por todo o mundo e non haberá que desculparse por eles. 

O ser humano bota man do que a man ten. Quen lles escribe comeu ovos de formiga e saltóns fritidos en México, yak na China, canguro, emu e crocodrilo en Australia; serpente pitón en varios sitios, lagarto en Cáceres, ratas no levante español e deixou de ir a unha churrasquería que houbo nun lugar do que non quero recordar o nome porque viu demasiados cans no xardín da entrada e non sempre eran os mesmos unha semana tras doutra. E así máis cousas. E sabe Deus cantas veces me terán dado gato por lebre; con chocolate, iso si. Conste.

 Os chinchulines arxentinos non os volvín probar e os caracois franceses que os degusten eles. Unha vez probei o peixe globo no Xapón pero considero que nin cheo outra vez de sake volvería probalo por moito que vivise. Serei un réprobo condenable pola miña querenza ós manxares exóticos?

Ter dado algunha que outra volta polo mundo permíteche o exercicio da tolerancia. O mesmo que durante quince días almorcei e cenei ostras neozelandesas e comín crus aqueles seus mexillóns, grandes coma coma a palma da man, trinchándoos con coitelo e tenedor, ó ter dado tantas voltas por aí adiante coma levo dado, ese mesmo feito, permitiume asistir a cultos relixiosos en mezquitas e sinagogas, en santuarios shintoistas e en templos budistas, en catedrais ortodoxas, ou presenciar ritos iorubas na cubana Guanabacoa o que, a xuizo de non poucos, todo elo, me leva convertido nun relativista do que é millor será velarse. Serei por elo condenable e terei posto na man dalguén o puñal dialéctico co que me escarmentar por comunicar gustos tan diferentes, opinións tan chocantes coas que son as habituais?

Se aceptamos que a xente diga de nós o que di a causa do noso xeito de comer ou mesmo de entender a relixión como nós a entendemos, non é moi de recibo que, agora, haxa voces que se alcen contra os chineses amigos de comer morcegos, cans e gatos ou calquera bicho que repte ou voe, que nade ou sexa quen de poñer pés en polvorosa ó menor perigo. O morcego é algo así coma un rata con alas, o mesmo que unha centola é unha araña submarina algo máis grande. Deberemos logo estigmatizar ós chinos?

Que pasará no mundo cando, superada a peste que se instalou no planeta, se é que a superamos, queden instaladas tódalas clases de lindes imaxinables; dende as raias secas ás húmidas, dende as aduanas e físicas ata as mentais e indescifrables? A quen deberemos enfrontarnos ós chineses por comer morcegos ou ós de Madrid que non saiban pronunciar Sanxenxo ou "está chovendo xa cho vexo" ou tamén e a toda presa "se vou a Bueu no bou, vou; e se non vou a Bueu no bou non vou" e fuxiron do "rompeolas de todas las Españas" espallando o virus, pra tomar mariscos ou pra se sentir seguros que algún dereito terán a querer sentirse así?

Que verdades han ser as que se manteñan? Que hábitos serán os que permanezan? Como serán os novos puñais que a sociedade ben pensante, que sen dúbida aboiará logo de superada a crise, porá nas mans daqueles que se erixan en celadores das novas verdades? Que opinións han ser estigmatizadas, que vías de comunicación han quedar pechadas sine die? Aqueles que superen o actual estado de cousas pasarán, a penas dun xeito consciente, a vivir noutra sociedade. Será pouco e pouco, pero xa nada volverá ser como foi. O salto que deu o mundo dende a nenez de alguén da miña idade foi tan brutal que a penas fomos conscientes delo e de que podía estar sendo o ensaio pró que agarda agora ós sobrevivintes que procedan del. Confeso que moito me gustaría poder contarme entre eles, aínda a risco de non me adaptar moito ós novos usos. Mera curiosidade, é certo. Pero é que lle collín gusto a isto de ver cada día unha cousa nova, un descobremento novo, mesmo ás veces un odio novo... algo que tamén é humano.

Te puede interesar