Opinión

Admirados que me revolven o estómago

Unha explicación do meu vivir niso ó que, aínda non hai tantos anos, se lle chamaba terceira idade pode facilitala o feito de que, día a día, leo tres xornais impresos. Fágoo previo paso pola ducha e, logo, mentres me entreteño bebendo un café descafeinado, morniño, con leite desnatado, amén de carente de lactosa. Fáganse unha idea. Niso consiste o meu pequeno almorzo cando, non hai nada, era tan adicto ó cruasán como pouca xente debe selo e a maioría de vostedes nin se imaxina.

Cando non era un vello, algo contra toda previsión e ata diría que contra toda lóxica foi algo ó que nunca din por feito que chegaría, a dos cruasáns foi unha adicción adquirida nos meus tempos de navegante nun transatlántico. Os forneaban tódolos días. Eran pequenos e saborosos de feito que, tal condición, permitíache non te conformar cun par deles e puñas o listón en dous pares e, en non poucas ocasións, en medía ducia deles. Fóronlle tempos.

Debidamente superada esta escasa prodigalidade actual, máis tarde, véñome sentar á mesa na que traballo e comezo a ler os xornais dixitais que poden ser visitados sen ningún risco económico; dos que si o supoñen, limítome a ler titulares, a apreciar na medida do posible todo canto me suxiren e veña debidamente subscrito por firmas coñecidas ou respondan á curiosidade que en min esperte o titular correspondente. Pero neste novo proceder debo dicir que o que máis vexo son titulares que se me antollen significativos ou me digan algo do que se coce no mundo.

O caso é que veño lendo unha media dunha ducia de artigos diaria ou ás veces máis. O caso, aclároo de novo, é que, como na casa me aprenderon a comer de todo, leo de todo; é así como inxiro unha especie de ensalada intelectual que me permite intuír (non saber, só intuír) por onde van os tiros ou por onde ameazan vir. Tanta inxestión mesmo pode chegar a indixestárseme, pero o considero como unha enfermidade profesional e agradézolle á miña liña xenética a facilidade coa que o meu organismo metaboliza os comprimidos de Almax ou de Pantoprazol.

Podo estar ou non de acordo co que escriben uns e outros, pero iso non me impide admirar a escrita dos máis dos columnistas, sexan estes alleos, próximos ou distantes, das miñas posicións vitais. Algúns deles véñoos lendo dende que comezaron a facelo nos xornais nos que o fixen eu ou tamén neste no que o fago agora. Porén nesta ocasión voume abster de dar nomes. Algúns seguen sendo espléndidos articulistas, sen dubida, pero xa non son quen de falar da vida e das cousas que van seguir sendo actuais, hoxe e mañá, e mesmo pasado mañá: ou o que é peor, derivaron en volandistas, en haxiógrafos compracentes cunha concepción da vida ou en develadores das nudeces dos opostos ó seu xeito de pensar.

Deixar en coiros ós contrarios, pode estar ben e ser mesmo necesario. Pero facelo día tras día, inexorablemente, alcumando de modo denigrante ós que son alleos ós seus principios ven sendo algo que cualifica unha condición que nunca teriamos sospeitado en persoas de intelixencia preclara e capacidade literaria recoñecible e recoñecida.

Hai quen considera o panfleto coma un xénero literario e mesmo pode que o sexa, doutores ten o sistema literario que nolo poderán explicar e, de ser así, de ser certo, admitiría unha definición que o cualificaría como un escrito tendente a difamar a unha persoa, a unha idea ou mesmo a unha crenza.

Difamar día tras día a unha persoa ou a unha idea, facelo a base de alcumes despectivos, pode chegar a facerse tan tóxico ou máis que se o panfleto consistise na apoloxía dunha persoa, dunhas ideas ou dunha crenza. Na literatura, mesmo na ocasión de se tratar do chamado xornalismo literario, ten unhas lindes ou debería telas anque so consistisen e evitar referirse de xeito cotiá e panfletario a un individuo sexa este Feijóo ou Pedro Sánchez. Pero así se manifestan, así se están manifestando, día a día, articulistas que eu admirei e veño admirando dende sempre. Sígoo facéndoo, malia que a veces me revolvan o estómago.

Desculpen que non dea nomes, falar mal de alguén é algo doado, moito máis que falar ben. Falar ben pode levarte á apoloxía e tamén a obsecuencia, dous serios perigos, certamente, pero falar mal seguro que esperta unha serie de seareiros que aplaudan entusiasmados e mesmo reconforten a quen así se aplica de xeito que acabe por non ser quen de abandonar o novo estilo esquecendo a agulla de marear e retomado o rumbo perdido.

Son dos que sostén que blasfemar é proferir insultos ou desprezar cousas consideradas sagradas; non só Deus é sagrado, senón que, salvando as distancias, mesmo as persoas son sagradas. E en tal condición deben ser sempre consideradas e dignas de respecto; agás que feitos terribles os condenen, por exemplo o exercicio totalitario do poder.

Pensar ou actuar de xeito contrario ás persoas ou ós seus feitos é curioso que implique moitos menos riscos pra os intereses dunha persoa. Malia que non o pareza, un escrito pode asemellarse a unha blasfemia a forza de ser repetido día tras día. Sexa escrito por alguén que pertence a un partido que non estea no poder, ou que o estea, ou mesmo que a xente pense que non milita nel. Esta consideración, coa que podemos estar de acordo ou non, pertence a Jonathan Swift, pero debe facernos reflexionar encol do noso proceder con respecto ós columnistas que asinan un panfleto diario nos xornais que así llo permiten ou mesmo llo esixen ou os premian. Atrévome a dicilo a risco de ser considerado un moralista. Anque si alguén preocupado polo rumbo que poida estar tomando a nosa sociedade grazas a ese vello exercicio literario do panfleto, veña este de onde veña e atinxa a quen atinxa, estea ou non no exercicio do poder ou dispoña desoutro poder que se deriva da oposición ofrecida a quen o desfrute. En resume, que mañá o mesmo chove. Sempre chove.

Te puede interesar