Opinión

Algarabía opinatoria

Vou comezar cunha afirmación das que, ditas en castelán, se denominan “verdades de Perogrullo”. Xa saben que o tal éralles aquel que á man pechada lle chamaba puño. Facíao recoñecendo, aínda que moito non o pareza, que nesta lideira das paremias condensanse non poucas das verdades seculares que nos axudan a comprender o mundo que habitamos. Conformándoo ou conformándonos á súa menos inexacta medida.

Non é o mesmo ser de por eiquí e falar de construír “castelos no aire”, unha vez chegada a hora de se referir ós soños imposibles, que ser francés, e dicir, do mesmo e construtivo afán, que é facelo falando de levantar châteaux en Espagne. Item máis. Se nós afirmamos que se ladran os cans é porque imos dacabalo, non é o mesmo que se os franceses digan que les chiens aboient au passage de la caravane. Unha afirmación suxire a existencia dunha condición, dunha tendencia á cabaleirosidade, con todo canto iso implica, mentres que a outra indica o paso dos mercaderes; é dicir, cabaleiros uns, mercaderes outros con todo cada condición, se non o esixe, cando menos o determina. 

A vida élles así e así nos condiciona. Mentres que nós falamos da nena dos nosos ollos, os ingleses falan da the apple of your eyes e ímolo deixar así que tampoco é necesario pasarse de parada. A linde das nosas mentes ven establecida pola das nosas palabras. Somos o que as nosas palabras din que somos.

Así que aí lles vai a perogrullada que lles anunciaba: A que difunde a advertencia, pero non sempre a convicción (e así nos vai) de que, dun caso singular, non se debe extractar nunca unha conclusión xeral. Dígoo porque confeso que estou confundido e non quero crer que, si eu o estou, tamén ten que estalo a máis da xente que me rodea, os amigos cos que falo, os amigos cos que non falo, tamén a xente que non coñezo, etc. etc. etc. O caso é que ando confuso a forza de teimar en ler os artigos de opinión, moitos artigos de opinión, escritos dende moi distintas perspectivas; tantas que o exceso de información comeza a resultarme fatigoso. Ó millor é cousa dos anos e das experiencias acumuladas durante tantos e anteriores, pero tamén pode ser debido á que a min me parece grave a tendencia de repetir insultos e consideracións, os mesmos insultos e idénticas consideracións, día tras día, mes tras mes e, se acaso, un pequeno xiro argumental cada poucos meses. 

Case estou decidido a prescindir da lectura de tanto periódico dixital como podo ler, sen máis que botar andar o ordenador, e me limitar á lectura de dous ou tres artigos de opinión dos todólogos dun xornal moi de dereitas, a mesma ración doutro de moi de esquerdas e, polo medio ou polo final, daqueles poucos e serenos cronistas da realidade descrita con razón e calma e non con moitos sentimentos e movementos afectivos. Nunca me pareceu posible, nin recomendable e nada socioloxicamente aceptable que puidésemos regresar a esta algarabía (opinatoría?) actual que tanto recorda tempos indesexables. Pero élles así. Que columnistas que admiraches durante anos viñeran dar en panfletarios irredentos debe facernos pensar nos tempos que anuncian… a fin de ver de evitalos. O problema será como facelo.

Te puede interesar