Opinión

Aposta política pola cultura

Antonte referinme eiquí, sequera fose de pasada, ó finado de Pepe Cuiña, tamén a Iglesias Corral, que foi fiscal daquela da Segunda República, e mesmo de Antonio Rosón que presidiu o primeiro Parlamento de Galicia. O que se comentou a propósito deles non foi nada profundo, nin transcendental, que ía selo vindo de mín, pero é innegable que forman parte da sempre ignorada, non tanto coma descoñecida, Historia deste noso pequeno, e verde, e por veces tristiño país. Cousas de ser xa un septuaxenario.

En ocasións ínstanme algúns dos meus amigos a que escriba as miñas memorias, e, ó facelo, advírtenme de que son un septuaxenario; ou sexa que xa me vai chegando a hora; que algo xa levo vivido e que eles entenden que moitas das miñas vivencias deben ser recordadas. Hai xa algún tempo que lles fixen caso e empecei con elas. Cando levaba un cento de folios ben cumprido decateime de que o que estaba a facer era un persoal axuste de contas coa miña defunta avoa Rexina e que, tanto, tanto non o merecía, así que parei.

Agora, desque escribo regularmente neste xornal, adoito recordar anécdotas e feitos do pasado. Fagoo, con algo de frivolidade e inconsistencia, por recordar nomes e feitos que non deberían ser deixados de ter en conta. Pra elo conto, máis que coa súa aquiescencia, coa benevolencia dos lectores e sendo consciente de que Ourense é o reino dos vellos e da melancolía. Ás xentes novas, en xeral, estas cousas tráenlles ó pairo como quizás nunca antes na Historia lle trouxeron. Así que eu sigo... ata que vostedes me paren. Dicíalles que me referín ó malogrado Pepe Cuiña, o mesmo Cuiña ó que Aznar nunca lle perdoou a emisión dos carnés do PPdeG e, por conta dela, se cobrou a débeda, daquela do “Prestige”, coa leal anuencia da cabeza galega do PP.

 Recordo neste sentido (e digo eu que máis dará que o recorde nunha páxina de La Región que nas páxinas dun libro de memorias) cando Fraga, nunha daquelas ceas no Vilas compostelán, me dixo que "xa acabei con estes dous e agora vou polos outros dous que me quedan" referíndose, no primeiro caso, a Cuiña e a a Romay e no segundo a Baltar (pai) e a Cacharro. Respondinlle que no primeiro caso sospeitaba que non actuara ben e que no segundo non ía poder con eles. Con Baltar (pai) dende logo non puido. A política élles así.

Andei dándolle voltas a iste tipo de recordos a partires do escrito eiquí hai dous días. Fraga non puido con Baltar (pai) e podo contar algunhas das ocasións nas que este lle levou o pulso con gran rexoubeo pola miña parte. De Baltar (pai) pódense dicir moitas cousas, como de cáseque tódolos políticos, e de feito dinse, a favor unhas, en contra outras, pero hai dúas que son incontestables, a saber: o seu compromiso con Galicia e a súa decidida aposta pola cultura, fora esta a propia do país ou a que a Historia nos foi traendo ó longo de cinco séculos con indiferenza de que os temas que chegasen ás súas mans viñeran das da esquerda ou das da dereita. Haberá quen negue estes extremos; quen o faga, quizais ignore ata as axudas persoais prestadas a algún persoeiro, sempiterno crítico da súa xestión, cando a saúde se lle presentou de costas. Ese compromiso prestoulle a Baltar (pai) a forza da que dispuxo, según a min me gusta entender. 

Acordeime destas consideracións ó constatar a innegable baixada do PP en Galicia nas pasadas eleccións e relacionala coa incursión de Feijoo e máis Rajoy en axuda do gran valedor de Vox nas pasadas de abril, condición esta de valedor que o conduciu ó fracaso. O do sorriso perenne afirmara que o PP xa non era o de Rajoy, que este estaba defunto, e que Vox era moito Vox. E así lle foi. Agora Rajoy e Feijoo acudiron en salvación súa. E valéronlle. Mentres tanto, o feito de que Vox acadara os resultados que acadou en Galicia e que, á volta dun mes, Feijoo xa non sexa o que foi logo de sufrida a vampirización central entanto Baltar (fillo) conserva os mobles -agás os da capital a causa dunha candidatura chegada da man de Feijoo (que mala sorte ten este home cos conselleiros que envía como candidatos á alcaldes)- fai sospeitar algunha cousa partindo do feito de que Baltar (fillo) segue a manter viva a chama cultural prendida polo seu pai pois é o político galego, non quero dicir o único, pero parecer paréceo. que mantén unha máis firme e máis decidida aposta pola cultura que nos é propia.

A verdade é que non andamos moi sobrados de políticos dotados desta característica. O curioso é o bo resultado que esta características adoita dar cando non se produce en áreas de maximalismos e afirmacións categóricas e se manifesta co que, tanto Fernández Albor como Anxo Quintana, chamaron o sentidiño. O primeiro foi presidente de Galicia, o segundo foi vicepresidente, e Fraga entrou en Galicia cando se ofreceu galego como os demais. Convén non deixar de telo en conta.

Feijoo seguiu, máis ou menos o ronsel deixado por Fraga, e empezou a perdelo agora cando, como Fraga no seu momento, acudiu en leal axuda de Madrid ignorando que, con Madrid, ou con Bilbao e Barcelona, hai que ter a mesma e leal axuda que elas, ou outras máis, teñan con nós. A caridade ben entendida comeza por tela cun mesmo. Agora ábrense dous camiños: un que pasa porque Feijoo torne ó rego e, outro, porque sexa Baltar (fillo) quen o reinicie. Hai un terceiro, claro, pois hai un proverbio socialdemócrata que afirma que cando dúas solucións son incompatibles, sempre hai unha terceira. Neste caso chámase Gonzalo Caballero... que moito é o que ten que apostar polo país.

Te puede interesar