Opinión

Aprender literatura ou apertar parafusos

No “Manual de historia de la literatura española” que editou Akal no 1974, Max Aub afirma que “Rafael García Serrano e José María Gironella queren representar a cara nacionalista da Gran Guerra Civil. Fallan, o primeiro por sectarismo, o segundo por ignorancia”. Nada que obxectar ó sectarismo de García Serrano. agás que precisar que “o sectario convencido que foi García Serrano, foi un bo novelista e que Gironella non era malo, como tal, malia que puidera “amosar a ignorancia” que Max Aub soubo detectar, pero eu non; acaso por telo lido sendo eu moi novo e, seguro, seguro, moito máis ignorante ca el; ca Max Aub e Gironella, xuntos ou por separado.

No mesmo “manual de historia...”, o mesmo Aub, que ó parecer non padeceu reparos chegada a hora de dicir o que pensaba, refírese a Ricardo León, entre moitos outros, iso está claro, dicindo del que “fixo as delicias dos indixentes mentais, que sempre son lexión, coa súa hinchazón retórica, ideais trasnoitados e falsidades repetidas ás que, naturalmente, non salva unha mística de salón”.

Non lin a Ricardo León así que non sei que dicir. Miña avoa ter tiña unha novela del e unha vez pregunteille a miña nai se podía lela e aconselloume que non perdera o tempo facéndoo; así que me abstiven de facelo. Non me arrepinto. Se o traio a colación é polo claro que antes as xentes tiñan en claro as cousas.

Eran outros tempos. Non en todo pero, con tal de dicilo ordenada e pulcramente, falando de literatura e de literatos, podías dicir o que pensabas con tal de que o dixeras no sitio oportuno, máis aínda se vivías no estranxeiro. Os manuais de literatura publicados “no interior” rozaban a seriedade con frecuencia; por exemplo “Miguel Hernández nació en Orihuela, Alicante, era poeta y fue comunista”, de xeito que todo quedaba claro y non tiñas lugar a dúbidas de ningún tipo. Na casa dicíanche que non perderas o tempo con Ricardo León e no colexio que Hernández fora da cáscara amarga.

O certo era que case sempre acertabas na elección das túas lecturas escollendo aquelas que non te recomendaban malia que correses o serio perigo de ignorar algunhas por ter sido eloxiadas de forma sospeitosa. A poesía de Manuel Machado, por exemplo, e con ela a de algúns outros.

Estas consideracións que fago, comezan a carecer de importancia toda vez que se anuncia o fin do estudio das humanidades nos cursos do bacharelato. A verdade é que moito non se entende, agás que veñan ditadas por lectores inoportunos de Ricardo León convencidos que quedaron da inutilidade e da perda de tempo que supuña ocuparse en ler a autor tan deostado e con el e por extensión a outros.

O peor é que a sociedade está contribuíndo seriamente a elo, a facer posible por aceptación submisa que o estudio, ou sexa, que o coñecemento da literatura, da pintura o da música propias, o coñecemento da propia historia aplicada ó total da complexidade humana, á propia cultura, non ten importancia chegada a hora de aprender a apertar parafusos con dilixencia e prontitude. Por ese camiño axiña se pode chegar a que un médico ignore todo o referente á historia da medicina, un avogado non saiba nada de filosofía do dereito ou a un inxenieiro non lle caiba na molleira máis música que a xurdida dunha caixa de ritmo maltratando calquera fermosa sintonía. Pero regresemos ás consideracións feitas por Maux Aub respecto dos escritores do seu tempo e comparémolas coas que nos máis sesudos críticos están a facer hoxe nos xornais da maioría da literatura patria. A distancia élles case sideral.

Os lectores de idade xa considerable, refírome ós da miña quinta e aledaños, recordarán as magnificas entrevistas que Joaquín Soler Serrano fixo na televisión cos grandes escritores do seu tempo. Moitas delas, por exemplo a feita a Álvaro Cunqueiro, aínda circulan hoxe polas redes sociais pra deleite dos amantes das cousas ben e razoablemente feitas.

Pra entender o que tan malamente intento explicar non hai máis que comparar a entrevista citada e outras máis coma ela, o mesmo feito da súa emisión en horas de máxima audiencia, coas recentes que Évole lles fixo a Megan Maxwell e a un rapeiro barcelonés de orixe marroquí, dito sexa con todo o respecto pra quen se gaña o pan como pode ou deus o inclinou a facelo.

Cando me da por comparar, pois cada un é cada un e ten as súas teimas recorrentes coma febres tercianas, os plans de estudo sucesivos a partires do existente no 1953 que determinou a formación académica das xentes da miña idade, comprende a razón que foi determinando o empobrecemento sucesivo de cada un dos plans que o seguiron: cada vez foron sendo elaborados por xentes que foron sendo sucesivamente privadas das necesarias doses de latín e grego, de historia e de literatura, por exemplo, coas que ir ocupando o mundo e dirixindo a ocupación deste por parte das xeracións que haberían suceder ás deles.

Resulta incrible que os autores dos plans de estudo e mailos responsables da nosa política cultural non teñan sido quen de captar a evidencia que a posesión do chamado “poder brando”, do poder que a cultura ten chegada a hora de determinar o benestar dun país. O feito de que detrás dos modos de vivir ianquis, chegados a través do cine e da literatura, por exemplo, foi como entraron os modos de vivir derivados da Coca Cola e das hamburguesas e tras delas, tras das embaixadas culturais, foron chegando a industria, o comercio e as producións agrícolas, transformando a nosa realidade ata case que conquerir que xa non nos recoñezamos nin en nós mesmos senón neles... ó tempo que eles seguen levándose as nosas mentes máis preparadas e lúcidas, as máis excepcionais e necesarias, as únicas capaces de endereitar dunha vez a errática traxectoria impartida dende as nosas aulas cheas de docentes privados das súas máis armas máis necesarias.

Te puede interesar