Opinión

Aqueles homes de estado

Avida ten sido pródiga comigo e coñecín algúns homes de Estado. A algúns trateinos moito, ou bastante, a outros brevemente e con pouca intensidade; por exemplo a Raúl Alfonsín, o presidente arxentino que lle devolveu a dignidade ó seu país, trateino pouco, a penas nada, comendo con el na súa residencia oficial de "Los Olivos" e penso del que sí, que foi un Home de Estado. Só quen o sexa pode ser quen de facer que un país supere, mal que ben, a indignidade colectiva que significou a ditadura de Videla. Con Carlos Andrés Pérez tamén almorcei, desta volta no Palacio de Miraflores. Pouco tempo, pero abondo pra seguir pensando que non foi un home de estado quen colaborou a que Venezuela chegase á situación actual. Á iniciada por Chavez, co amparo intelectual da necesidade dun cambio de paradigma ó que tamén colaborou a dereita venezolana.

Fidel Castro, pra ben e pra mal, tamén foi un Home de Estado, quen de convocar n'A Habana a medio cento largo de ministros de asuntos exteriores de todo o mundo pra que escoitasen o que el tiña que dicirlles; pero non só por iso, claro. A este trateino algo máis, falei moito máis con el e delo quedou constancia escrita. Non quere dicir isto que me gustase todo o que fixo, ou o que deixou feito, que non me gusta moito, a verdade, pero iso non quita que el fose un estadista, a maiores dun axitador profesional.

O portugués Mario Suárez, que na miña opinión non foi un bo presidente de goberno, si foi un gran xefe do estado exercendo tan alta maxistratura como só un Home de Estado pode facelo. Naveguei con el polo esteiro do Texo, de Lisboa á Troia, sentados os dous a popa dun barquiño portugués, mentres Teresa Patricio Goulbeia, a súa secretaria xeral de Cultura, nos contemplaba dende lonxe cos seus fermosos ollos azuis hoxe lamentablemente apagados.

Así e intentado satisfacer, de cando en vez e nalgunha medida, a aqueles que me reclaman a escrita das miñas memorias, amén da exhibición da miña vaidade, ímonos achegando á nosa propia xeografía. Ter saudado tanto ó rei vello coma ó rei novo, non me da dereito a opinar nada a cerca deles dous e xa teño deixado constancia eiquí dalgunha anécdota ó respecto. Amais non sei se as funcións que lles permite exercer a Constitución consenten poder consideralos como tales; se acaso o Rei Emérito si desenvolveu un papel transcendental no intento de golpe de estado que protagonizaron Millán del Boch e Tejero no ano 1981, que estes si que foron ou tentaron ser xefes de estado... de excepción. Pero pra ser un Home de Estado non é preciso ser ou ter sido un xefe de estado. Felipe González con quen non foi moito o que falei, case que nada, sí é un home de estado. Manuel Fraga, co que si tratei moito, tamén o foi; según González afirmou del, collíalle o Estado na cabeza e cabeza si que a tiña e mesmo foi algo cabezón. Con quen si tratei foi con Alfonso Guerra que si é (ou foi) un home de Estado quen de comprender e analizar as circunstancias que outros non son quen de percibir ou de afrontar. Mesmo Mariano Rajoy con quen tanto discrepo en tantas das súas actuacións puidera acadar tal consideración.

Por que me da a min hoxe por me mergullar na nosa historia recente, contemplada á luz dun prisma absolutamente persoal, na procura de estadistas recoñecidos e por ver se na actualidade atopo algún político que os emule é unha pregunta que me formulo e prá que só acerto a ter unha resposta: porque o único que vexo no meu contorno non son precisamente homes de Estado... senón tamén de estado de excepción como non espabilen de contado e se poñan andar logo de celebradas as próximas eleccións.

Non pode haber homes de estado entre os máis dos líderes políticos actuais ocupados en explicarnos, día tras día, o que pensan os seus contrarios e todo canto de negativo van facer ou andan xa a facer, nun a modo de carrusel verbal uniformemente acelerado e de xeito que, máis dun deles, ha saír proxectado fora deste entolecido tiovivo no que se nos está tornando o mundo político español. E con eles non pouca da nosa sociedade.

Interpretan o pensamento alleo e, cando queren descifrar o propio, contradín o afirmado hai nada por eles mesmos, deixándonos convencidos de que tamén ha entrar en contradición co que afirmarán ó día seguinte. Os programas electorais non adoitan ser programas de goberno e o persoal, o votante puro e duro, o cidadán de a pé, atópase non só desnortado senón, o que é peor, aburrido. Un home de estado pode gustarche ou non, pero o que non pode é aburrirte. A maioría de nós estamos aburridos. É ben triste. Máis aínda se consideramos que estamos aburridos de estar aburridos e queremos que a vida política nos ilusione de novo. Non temos homes de Estado, pero temos un estado democrático que debemos conservar e iso dalle un sentido ó noso voto, ó acto de nos manifestar nas urnas, na dirección que estimemos oportuna, dando esa lección de exercicio democrático que hoxe e abertamente nos negan non poucos políticos exercentes, entre eles os homes de estado...de excepción. 

O problema está en que a xente moza necesita cometer os seus propios errores pois ninguén escarmenta en cabeza allea. Pero habería que lles facer ver dalgún xeito que a deriva tomada polos máis dos nosos líderes actuais non conduce a ningún sitio bo. De paso os máis dos nosos líderes deberían mirarse no espello dos grandes homes de estado que este país ten disfrutado e logo obrar en consecuencia. Así, ó millor, en vez de nos explicar que pensan os seus contrarios fannos participes do que pensan facer eles, amosannos os seus proxectos reais e deixan de seguir convertendo o país no que antes se coñecía coma un patio de comadres.

Te puede interesar