Opinión

A arte, tratamento ou concepto?

Non lles ha ser o que isto lles escribe quen de lles negar a condición de literatura ás obras de, por exemplo, Marcial Lafuente Estefania ou Corin Tellado. Aquel escribiu novelas de vaqueiros mentres que esta as que escribía eran novelas de amor, centos delas, unha cada dúas semanas, según se dicía, das que viña vendendo uns catrocentos mil exemplares cada quince días. Obras literarias si que o son e expresión clara dun dominio do oficio de escribir que pra nós quixeramos máis de un, xunto cunha imaxinación que coido sería propia e recorrente. E non moi inxente aínda que si repetitiva. 

Tiven un tío político, home dunha irmá da miña nai, que foi un excelente sonetista, amén dun bo poeta, que lía novelas de Lafuente Estefanía con verdadeira dedicación e eficacia lectora, cunha fruición e frecuencia estremas. Con todo e con tal frecuencia e dedicación non precisaba de acudir a un chambo, pra adquirir novos exemplares intercambiándoos cos ía lendo, senón que podía permitirse o luxo de ler os exemplares noviños e recen saídos do trinque. Ou tal quero pensar malia que nunca vise un exemplar deste autor na súa biblioteca persoal, por outra parte ben abastecida. 

Vivía o meu tío político entre as precisas coordenadas que lle permitiron a Joseph Joubert no seu tempo (1754-1824) referirse a tal expresión literaria -como a existente nas obras de Lafuente Estefanía ou de Corín Tellado- coa expresión latina Auream mediocritaten corrixindo a tradución de xeito que onde se debía ler “mediocridade dourada” fose entendido “mediocridade adornada”. E tanto que o é, adornada e profusamente expandida nos trinques de novidades, mesmo nas revistas literarias que, hai anos, foron ocupadas polas, hoxe (e afortunadamente) non cualificadas como da mafia rosa, pra selo agora polo tsunami violeta que nos invade. Tras tempos sempre veñen tempos

Poderíase entender que Vargas Llosa, o mestre de novelistas que atende por tales apelidos, valorou no seu día a obra de Corín Tellado dun xeito que sorprendeu a non pouca xente; tanto que de terlle feito algo de caso, non se podería estar botando man agora de Joubert do xeito que o estou facendo eu. Acórdome disto que lles acabo de dicir cada vez que dou en ler unha crítica, case que sempre amarga, destes tempos literarios que vivimos; uns tempos dos que se diría que, a literatura que os abrangue, está cosida, a penas hilvanada entre costuras grazas á presenza constante de autoras de medio pelo literario pero quen de desprazar dos trinques das librerías dende os clásicos do Século de Ouro español, ata os máis recentes autores da talla literaria de Torrente Ballester, Cela ou Miguel Delibes, por non citar a Juan Marsé ou Juan Benet, entre outros, pertencentes á pléiade de escritores que, remedando outros tempos, serían pertencentes ó mester de clerecía mentres que outros, outras e “outres” serían asignados, no mellor dos casos, ó mester de xograría.

Porén esta á que nos estamos a referir élles unha teima que xa ven de vello. O propio Joubert sentenciou que o obxecto do arte, considerado dende a existencia das belas artes, non é a imitación; que va, senón máis ben a representación. Según nos deixou escrito todo artista ven sendo un pintor de retratos e so pode e quere ser iso: pois a súa ambición e mailo seu mérito consisten en expresar con fidelidade o que é ou o que el da en imaxinarse que é. E senón o é, pode selo grazas ó seu esforzo, de xeito que, cando o seu pensamento se asemella ou se parece ó seu obxecto e a súa obra ó seu pensamento, acada a facer unha obra excelente que, no caso de carecer destas verdades, a obra non será nunca boa.

Sempre houbo este tipo non sei de consideracións ou reflexións que a alguén lle han servir de algo, digo eu. Por iso, malia que poidan ser algo confusas, as traio a colación xa que, algo máis adiante, Joubert teima no asunto ó afirmar que “en todas as obras de gusto e xenio (a preguntarse se ese gusto será ou non o bon gusto que antes as avoas recomendaban exercer ós seus netos) a forma é a parte esencial mentres que o fondo non é máis ca un accesorio.

Tal afirmación do mestre francés faime recordar o titulado “Libro roxo” de Maozedong, de solteiro Mao Tse Tung, que non fun quen de ler enteiro no seu momento e do que so recordo a afirmación do finado líder chinés consistente en que, en literatura, a arte está na forma pois o fondo é accesorio e que acaso o sexa en razón de que a condición humana é sempre a mesma e permanece a través dos séculos como é ben doado comprobar se reparamos nos conflitos que nos prantexaron os gregos nas súas traxedias ou os contidos xa non recordo ben se nos Mahabharata ou se no Panchatantra da literatura hindú. 

A revolución está na forma, según Mao Tse Tung e polo que se ve tamén según Joseph Joubert. Poderíase dicir que o arte está máis no tratamento que no concepto? Ata pode que si. Cando Vladimir Prop trata da morfoloxía do conto dirixe a súa análise ó conto popular ou ó infantil que se adaptan sempre ó mesmo esquema e non hai neles ningunha busca da beleza senón a obtención dunha pedagoxía eficaz, indutora dunha moralidade adaptada ós tempos nos que se viven ben estes valores e principios relixiosos e/ou educacionais. Outra cousa é un conto escrito pra adultos nos que a busca da beleza, da expresión artística, si que pretende espertar a emoción no lector e non só a reflexión.

Nos contos populares e mesmo na literatura popular, polo que se ve, o que máis conta é o oficio, pero non conta tanto a busca da beleza, a intención artística. Iso é o que sucede nas novelas de vaqueiros e nas novelas rosa. Entreteñen ben, contan historias que discorren por un camiño trillado. Kafka é o exemplo clásico ó que hai que recorrer sempre. A súa lectura está rifada, enfrontada, coa de Tellado ou coa de Lafuente Estefanía de modo que os lectores destes están determinadas pola busca dun entretemento, mentres que estoutros son quen de descubrir emocións ou e sentimentos deses que permanecen latexando aloumiñados no fondo das conciencias dun xeito tal que a arte sexa quen de espertalos. E por aí andará a cousa, digo eu. Ou recorres camiños trillados ou te aventuras nos que, cando menos pra ti e máis pra outros coma ti, están por descubrir.

Te puede interesar