Opinión

As tripas do beato

Hai unhas semanas, antes de ter que ir pró sul do Douro, que terei que ir, pero máis adiante, andei polo Portugal máis noso, máis física e histórica e espiritualmente máis noso. Ou nós deles pois, nestas cousas dos quereres, nunca se sabe ben de todo se a cousa vai ou ven, si se detén ou segue, sobe ou baixa xa que ortos e ocasos, luscos e fuscos, hainos ascendentes e elevados, declinantes e suspensos. Vaian escollendo os lectores ós que lle conveñan ás súas realidades

O caso é que o norte de Portugal, o vello condado de Portucale está que se sae. As autoestradas teñen trazados idóneos, ou tal parecen; as casas están todas rematadas, pintadiñas e aseadas, de xeito que só puiden ver unha cos ladrillos sen revocar. Todo está ordenado e limpiño, aseado. Os xardíns téñenos coidados, as flores están nos seus sitios, as zonas industriais vense intelixentemente ciscadas polo territorio e nas tres primeiras cidades que pisei a cada paso odías ver solicitudes de emprego nos escaparates das tendas ou nas cristaleiras de bares e restaurantes.Acórdanse de cando comezou a crise que os desmemoriados atribúen a Zapatero esquecendo a realidade

internacional que a provocou? Daquela o que sí sucedeu foi que Zapatero non soubo xestionala. Empezou por negala, cando xa todos notabamos nos nosos lombos os seus zarpazos e así lle foi... e así nos foi. Acórdanse de como se falaba de Portugal cando chegaron os tempos dos rescates? E da que se formou eiquí a conta da coalición de partidos portugueses que se encargou de gobernar tal situación de emerxencia económica, política e social? Ogallá o recente goberno de España saiba endereitar o rumbo do mesmo xeito que o endereitaron os portugueses. Eiquí, de momento, parece ser que está salvada España, pero ninguén se atreve a afirmar o mesmo dos españois, meus santiños, sometidos a contratos-lixo, a impostos e pensións exiguas... e paro pra que ninguén que teña ben aprendida a cantata ó uso me chame antipatriota.

O caso é que andei por Portugal, bebendo viño verde, pouco, ceando peixe á grella nun restauranciño de Viana do Castelo que lles recomendo vivamente, chámase A Gruta, ou un leitón na Curía onde había tantos anos que non pisaba nela. A última fora na compaña do recordado Alexandre Cribeiro, cando andabamos a gravar a serie "Os camiños de Santiago" e eu baixara un coelliño á grella que non pesaba nada pero que o Alexandre engordou a cada vez que recordaba o feito pintándoo coma unha fazaña..
Agora fun alá presentar a tradución de "O Beato" ó portugués. Darío Xoan Cabana adoita utilizar nos seus entrecrucillados o término anosar como solución de traducir. Pero eu non me atreverei a dicir que anosamos unha novela miña ó portugués en razón do que lles dicía ó comezo. Como se anosa unha cousa que tamén é deles ou cando a nosa é tamén súa? Así que alá fun darlles a coñecer unha novela miña.

A miña novela "O beato" recibiu o LXII Premio "Ateneo Ciudad de Valladolid" que, logo do Premio Nadal, ven sendo o máis antigo de España e o seguinte en prestixio literario. Enviaraa ó concurso farto de esperar a que fora publicada na editorial galega á que lla entregara. Premiárono. Publicárona. Xerais, por fin, fixoo en galego logo de ser premiada e editada en castelán, e só tras case tres anos de espera. Coido que o fixeron, máis a instancias propias, do Grupo Anaya ó que pertence Xerais o mesmo que Algaida, a editorial que o puxo á venda en español. Pois ben, agora xa foi presentada máis veces en Portugal que eiquí, na miña terra, onde só o foi unha vez, a hora intempestiva, na Feira do Libro coruñesa de hai uns anos. A cousa non deixa de ter a súa coña.

A presentación en Viana do Castelo correu a cargo de Alberto S. Santos. Foi xenerosa, moi xenerosa, pra alguén coma mín totalmente descoñecido en Portugal e ademais, a maiores de xenerosa, consecuencia dunha lectura feita moi polo miudo, diría eu que tamén intensa, unha lectura desas que, ademais de deixarte agradecido e carente de palabras coas que expresalo, te fante sospeitar un profesor de literatura do milloriño pero nunca ou case que nunca un escritor sen prexuízos disposto a recoñecer a valía, real ou allea, dun colega. Alberto S.Santos, non é profesor, é avogado, e tamén é novelista e crítico xeneroso. Cando o constatei así, xa de regreso, busquei algunha novela súa na miña libraría de cabeceira sita en Bertamiráns, Ames, acollida ó nome de "Lenda" que así é como ha acabar sendo: unha librería de lenda. Ás poucas horas tiña nas miñas mans "La esclava de Córdoba" editada que foi en castelán por Ediciones Urano na súa colección "books4pocket". No seu prólogo, escrito que foi por José Rodríguez dos Santos, que de contado comecei a ler, dise que Alberto S. Santos ten un total dominio das técnicas narrativas.

Agora cando xa levo mediadas as case seiscentas páxinas das que consta "A escrava de Córdova" entendo a lectura que o seu autor fixo da miña novela. Só un novelista cabal é quen de poder ler así, non só por riba, a fondo, destripando a novela por completo, pra ben ou pra mal, e quen de expoñer ó aire esas tripas coma el o fixo coa miña. Menos mal que foi pra ben. E menos mal que eiquí Xosé A. López Silva, Armando Requeixo e Ramón Nicolás, xa falaran ben dela e me redimiran dalgunha frustración coma a que eiquí xa queda reseñada. Volverei a Portugal, desta volta quedei sen baixar un frango á grelha.

Te puede interesar