Opinión

A ausente rendición de contas

Tales días coma o de hoxe, é dicir, os mércores, comezo a ler pola súa contraportada o xornal no que Fernanda Tabarés publica un artigo semanal. Por algo o farei. Antolláseme que porque neles sempre ten algo que dicir e, inda por riba, sabeo dicir ben.

No de hai unha semana (antes os ourensáns diciamos unha semá ou, coma moito unha semán, pero xa se sabe, sonlles cousas da normativa) opinaba que case ninguén dos galegos sería quen de citar quen son os eurodeputados que votaron e agora os representan. Madia leva. Non lle faltaba razón ningunha.

Porén e tan so por incidir, aínda máis, no recoñecemento e valoración do que argumenta na súa columna, eu diría que os máis de nós -incluído un servidor e aínda que me estea mal recoñecelo- descoñecemos os nomes dos deputados no Parlamento de Galicia e non digamos os dos senadores e deputados no Congreso e no Senado pertencentes ós grupos parlamentarios citados. Non sei se é máis terrible que triste ou máis triste que terrible; pero bo non debe selo en ningún sentido. Trátase dunha realidade que non indica nada bo dunha Constitución que así o decidiu.

O que é discutible é se o bochorno derivado desta triste consideración que fago é atribuíble, ou non, a quen coma min viviu tres lexislaturas completas ocupando un escano no noso Parlamento de Galicia. Acepto as críticas correspondentes sen pestanexar sequera un pouco. Pero pregunto de que me serve a min como cidadán tal coñecemento e sabedoría se, da actuación deses deputados e das súas consecuencias, non me han render contas a min senón, simple e sinxelamente, ós seus líderes partidarios.

Vivimos enganados. Nós non eliximos ós nosos representantes, facémolo cos que cada partido nos di que o fagamos; dannos os seus nomes e “aí te las apañes”. Logo, entre eles elixen a quen ha presidir o goberno, sexa este ó central ou trátese do galego. Con tal procedemento que se pensa que poderemos esperar, que se desexa que poidamos saber e que tipo de preocupación é esperable que sintamos pola actividade política que nos envolve. 

Cantos anos cren vostedes que durarían os representantes populares no caso de que tivesen que renderlles contas ós seus electores? É dicir a nós, á xente que os votamos, logo de ver como non se devolven os miles de millóns de euros que se lles prestaron ós bancos no seu momento; por citar un simple caso e non falar doutros igual de lamentables e dificilmente explicables dende coordenadas racionais e doadamente entendibles. 

Logo de tantos anos advertindo a aparición e consolidación dunha casta privilexiada, polo menos nas súas alturas, xa non cabe falar de casta senón e máis ben de costra; dunha costra que oculta a ferida purulenta que subxace embaixo dela e, de vagar e case sen que o advirtamos, sen que a penas o notemos, vai infectando o corpo democrático de tan longa e triste xestación que nos deparou o feito incuestionable de que cidadanía española tivo que afrontar unha guerra civil e unha ditadura de corenta anos. Máis outros tantos ata chegar a isto.

Te puede interesar