Opinión

Cara unha época pecaminosa

Segue gorentándome moito a lectura de Jonhatan Swift. Boto man dela en cada ocasión na que, sen saber por onde comezar estes longos artigos de mil palabras, recorro ós seus textos. Abro o libro por onde lle cadre e póñome a lelo con calma e sen apuros. Confesarei por que razón o fago. Temendo un naufraxio na miña redacción sempre atopo algo nas súas páxinas que me de pé a ir cismando, mentres tanto, na relación entre os seus tempos e os nosos. É certo que os tempos cambian, pero non é mentira que a condición humana non o fai. Pode, de feito é así, que a moral si o faga, que si cambie. Nada, ou ben pouco, ten que ver a actual coa moral vixente todo ó longo da miña mocidade. Porén sempre hai algo que permanece e nos identifica. Esa constante é a condición humana.

Por poñerlles un exemplo do que digo, o escritor dublinés, dándolle voltas ó asunto do comportamento humano no seu tempo, alá polo século XVII, escribiu que, “na boca dos escritores, o feito de maldicir invocando a crueza desta época crítica coincide co dos eclesiásticos cando dan en se referir a esta época pecaminosa”. Savonarola, por exemplo, sabíao ben. Vez que denunciaba a súa época como pecaminosa, vez que tiña asegurada audiencia e éxito nas súas prédicas. En cada ocasión na que un articulista bota man desta nosa época crítica -e efectivamente éo- tamén vai contar coa anuencia dos máis dos seus lectores, mesmo tamén a dos savonarolas e savoranolos actuais que tamén os hai e non poucos ou poucas, se me deixan facer uso da linguaxe hoxe en boga coñecida como intrusiva ou algo así. Cal é entón o problema?

Teño pra min que o problema xurde e se extrema cando nun territorio, o noso por caso, a concepción da política convertese nunha cuestión de fe, nunha cuestión diríase que relixiosa coa que é posible declarar anatema a todo que se arrede da ortodoxia reinante buscando a desaparición -que en non poucas ocasións se consegue- da existencia da heterodoxia e, como dicía o Visitador da Inquisición en “Xa vai o Griffon no vento”, bendita sexa a heterodoxia alí onde se dea e maldita a ortodoxia alí onde se asente… ou algo así, que xa non o recordo ben.

O Inquisidor da novela citada pertencía a unha orde, a da Nosa Señora da Branca Espada, que non poucos tacharon de invención do autor. O certo é que a tal orde existiu e estivo formada por inquisidores que, dende dentro da Inquisición, loitaban pola desaparición dos seus excesos, cando non da propia orde. Escuso recordar que o protagonista desa novela acabou coma o duque de Montigny, embaixador de Francia executado en prisión por orde dun Felipe II que só lle rendía contas a Deus e non precisaba de máis razóns que as que lle proporcionaban o seu criterio e máis a súa ortodoxia. Inútil recordar eiquí o que Castellio lle respondeu a Calvino: matar un home é matar un home.

O exercicio político non debe ser levado a ramo, non debe culminar, como se fose o propio dunha profesión relixiosa que é o que nos está volvendo a pasar. En nome dos propios sentimentos e non dos seus razoamentos, non poucos dos opinadores actuais, dunha e outra banda ideolóxica, permítense insultar denigrando a todo aquel que estorbe dalgún xeito as súas crenzas irritando os seus sentimentos.

É comprensible que a moitos non lles guste un programa de humor levado a cabo, por conta da Virxe do Rocío, na TV3 catalá. Pero resulta incomprensible que xente de alta capacidade como comunicadores, exciten a súa audiencia indicando que se vaian rir da súa puta nai ou que non ten ni puta gracia o visto na tele e aínda unha terceira intervención do xornalista Inda, manifestándose de xeito semellante ó dos comentarios anteriores feitos no seu momento por Herrera, e por Quintana.

As ”épocas críticas” das que falaba Swift créanse a partires de feitos como os das intervencións destes tres líderes de audiencia no actual panorama español. É que non son quen de criticar esa posta en escena da TV3 con argumentos racionais en vez de reaccionar como o fixeron. Non expresar racionalmente unha opinión, defendendo un sentimento de adhesión relixiosa, pode retrotraernos a tempos nos que o quinto mandamento foi expresado como matarás con xustiza ou, aínda peor, como matar roxos non é matar; iso por unha banda mentres que pola outra abondaba con ser crego ou con ser rico pra que uns desaprensivos, non millores que estes, os pasasen polas armas.

De xeito cotiá podemos constatar como se induce unha época crítica e, si se me permite dicilo, unha época que de xeito inevitable acabará por ser pecaminosa. Se o programa da TV3 foi “pecaminoso” que non o sei, non se lle pode, ou millor dito, non se debe responder cunha referencia ó tamaño da bolsa escrotal, en razón dos moitos ou poucos ovos que esta conteña, pra tratar a Alá do mesmo xeito que se fixo coa Virxe do Rocío.

As épocas críticas e pecaminosas adoitan selo en función da ausencia de razoamentos e a partires da sobre abundancia de sentimentos expresados de forma compulsiva mentres se fai elocuente mostra da ausencia de léxico e de incapacidade pra dar unha resposta, contundente e seria, baseada na razón e no respecto e non nunha impulsividade incontrolada. Será unha ausencia de previa reflexión ou máis ben unha consecuencia de certa chulería verbal daquelas persoas que está afeitas a falar, e falar, e falar de todo, dando a entender que de todo saben? A pregunta non é gratuíta, nin moito menos. Ó millor estamos a esgotar o tempo de reflexión e provocar a irrupción dos insultos como fórmula abreviada de expresar os sentimentos porque é seguro que hai modos de rexeitar unha actuación sen por elo ter que mentarlle a nai a uns e os virís atributos a outros. 

Te puede interesar