Opinión

Cartos que sobraron mais non sobraban

No peto superior esquerdo dunha chaqueta, ese que cando se lle daba a volta ó traxe cadraba sempre á dereita constituíndo unha inapelable denuncia de ser de segunda man, pois nese mesmo, atopei un recorte de prensa no que se afirmaba que a Consellería de Cultura deixara sen executar unha ducia de millóns de euros correspondentes ós orzamentos do 2021.

Como isto non constitúe unha novidade senón que se trata dunha noticia resesa, haberá que recoñecelo así, como primeira medida, e logo atribuírllo a quen o denunciou no noso Parlamento de Galicia na ocasión oportuna, ou sexa a deputada Mercedes Seixas. Lástima non poder dar a resposta do titular dese departamento do Goberno de Galicia porque o mesmo serviría pra acabar por facerlle un traxe, quérese dicir por vestir o santo, e, cheos de cristiá resignación, sorrir, inchar o peito e asubiar baixiño. En algo haberá que se entreter, de vez en cando. Doce millóns de euros sonlles moitos millóns do Noso Señor. Veñen sendo algo así como vinte mil millóns de pesetiñas.

Hai trinta anos ese mesmo departamento gobernamental contou con cinco mil millóns de pesetas, dos que a metade ían dar á Dirección Xeral de Deportes e Xuventude e os restantes tiñan que atender á Dirección Xeral do Patrimonio e máis á de Cultura. A diferenza de orzamentos pode facer pensar que a existente entre uns e outros sexa aínda máis abisal do que a primeira vista se ofrece. Que sucede? Que non hai nada máis que facer porque xa está todo feito? Que non se fai nada sen que por iso pase nada e a nosa vida política consista agora, única e exclusivamente, na potenciación do Camiño de Santiago? Vaites, vaites, vaites.

Non se decatará esta xente de que o crecemento económico dun país depende directamente do que, nos de fala inglesa, se coñece coma o soft power, coma o poder brando; un poder que arrastra tras súa a expansión económica. Non caeran na conta de que a nosa colectiva misión no mundo no que vivimos non debe consistir unicamente no outorgamento de indulxencias plenarias e remisión de tódolos pecados cometidos dende o bautismo impartidas polo mero feito de cruzar a porta santa nas ocasións propicias?

Acordase alguén daquela política baseada no eslogan de “Galicia Moda”? Quen o faga, recordarano coa intelixencia necesaria como para advertir que daquela política do Goberno galego se derivaron ás grandes firmas que circulan polo mundo coa etiquetas de galegas? Eses vinte e un millóns de euros empregados na potenciación e espallamento da nosa realidade cultural derivaría nun progreso entendido non so como a conservación dun idioma propio senón como o necesario pulo atinxente a toda unha sociedade consciente da súa propia entidade e fortaleza. Busque cadaquén mesmo no fondo da súa conciencia as razóns que amparan tanto desamparo.

Te puede interesar