Opinión

Os cemiterios de elefantes na Administración

En moitas ocasións –refírome a esas nas que sempre se pode resultar inoportuno- dálle a un por formular preguntas que non é que sexan indebidas, pero que deben resultar imprudentes. Imprudentes porque poden causar desacougo nalgunhas xentes desas quen teñen a tixola polo mango e o mango mantéñeno sempre a man non vaia ser que llo usurpen.

Confesáballes o mércores que estaba a bordo dunha illa (se me deixan dicirllo así) a de Mallorca, xa no hemisferio oriental –nós, os galegos, somos os máis occidentais dos españois- e que, contemplada dende aquí a nosa realidade resulta sempre ben máis pracenteira do que en realidade é: a máis occidental. Non lles quero dicir o que sucede se o que un contempla dende a distancia e con certo e innegable distanciamento é o funcionamento (ou así) das nosas propias institucións. Cando un o fai pode chegar a conclusións decepcionadoras; por exemplo, a de que non poucas delas, non poucas das nosas institucións, en troques de estar ó servizo dos administrados, o que están é ó servizo da propia Administración.

Levamos xa tempo abondo vendo como se esquece a presunción de inocencia, que a penas se exerce en multitude de casos que atinxen non só ós programas do corazón que Camilo José Cela, coa xenerosidade verbal que lle era característica, adoitaba definir coma vaxinais, senón ás institucións, públicas e privadas, que se suporían serias e que, cando menos neste aspecto, a penas o son en moitas máis das oportunidades consideradas necesarias; porque algunha haberá, cabe pensar, na que sexa oportuno esquecerse deste principio que debería rexer para toda ética informativa.

Tanto é así como se sinala que o principio de presunción de inocencia está a ser substituído polo de presunción da veracidade; da veracidade aplicada, non á reclamación feita polo administrado, senón á resposta a ela facilitada pola administración. Poreilles un exemplo certo.

Teño un amigo que mantén un contencioso tal que o levou a presentar, ante a autoridade correspondente, ante a institución pública indicada, unha comunicación na que axuntou certificación fidedigna de ter presentado, nos respectivos momentos nos que se lle solicitou, a documentación que se lle foi requirindo en cada oportunidade. Isto se ben o entendín eu.

O caso é que, un deses papeis, un deses certificados, foi dado por non recibido en cada ocasión na que foi presentado de xeito que o trámite solicitado foille sendo negado de raíz, malia a presentación do escrito do que a propia administración deixou constancia expresa de non telo recibido. Incongruencia? Si. Pero algo máis que pode que soe a prevaricación.

Vista a inutilidade das súas reclamacións o afectado por este incongruente proceder, acordou recorrer a esa institución na que tantos depositamos a nosa confianza no momento de ser creada, ante o Valedor do Pobo. E que fixo o Valedor/a do Pobo? Pois responderlle que, consultada a administración responsable, esta comunícalle que a certificación non foi aportada; é dicir, presupón que minte o administrado e da por feito que non o fai o administrador. Presuponlle veracidade ó afirmado por este en troques de vehicular a reclamación ós órganos xudiciais correspondentes. Pilatos non o faría millor. Para iso unha institución, tal coma a do Valedor, que se leva unha parte importante dos orzamentos públicos? Para que?

Pode que o que estou contando non sexa exactamente así, pero eu inclínome a pensar que si que o é. Sei que quen, coma min, exerceu labores de responsabilidade pública acaso debera gardar un prudente silencio, pero tamén sei que hai cousas que reclaman non mantelo. Estes días sae ou saíu pra Madrid un ex membro do consello de administración da CRTVG, un xornalista que se vai ocupar do seu oficio poñéndoo ó servizo do Partido Popular rexido, a partires de agora, polo noso paisano e amigo Feijoo. A min alégrame que o futuro candidato a presidir o Goberno central leve como colaborador a un destacado profesional como parece ser que é o sinalado. Pero entristeceríame moito pensar que é posible que ese traballo xa o desempeñase mentres recibía uns emolumentos a cargo dos orzamentos públicos. A mesma tristeza que, noutros momentos, puidera ter causado unha colega súa, esta do outro gran partido estatal, que durante o tempo do goberno presidido por Touriño, desempeñara tales traballos nas condicións que agora se lle atribúen a este colaborador de Feijoo.

A Lei di ben claro que os membros do consello de administración da CRTVG deben ser persoas de recoñecido prestixio cultural mentres que, na práctica, pró que está servindo é para funcionar como unha especie de cimeterio de elefantes cando non de aforro dos emolumentos que lles correspondería aportar ós propios partidos e, claro, así acaba pasando o que pasa.

A pregunta é se unha institución, tan precisa e necesaria como é a do Valedor do Pobo, pode estar servindo ós mesmos efectos que se sinalan no parágrafo anterior, o mal poderá estar xa estendido a outros ámbitos dos servizos públicos galegos. Se así fose, se así estivese sucedendo -e pénsese que en ningún caso se facilitan nomes, porque do que se trata e de sinalar prácticas- resultaría altamente preocupante e conviría iniciar de contado un proceso de chamémoslle rehixienización non tanto dos nosos servizos públicos así afectados como dos sistemas de designación dos destinados a ocupalos de xeito que se evitase que, os elixidos doutro modo pra elo, non aplicasen a presunción de veracidade ás afirmacións administrativas e máis atención ás denuncias formuladas polos seus administrados. E de paso cabería dicir o mesmo dos intereses defendidos dende a radio e da televisión publicas que serían máis acordes cos intereses públicos que cos intereses partidarios.

Te puede interesar