Opinión

Co móbil ata no retrete

Opinión

Co móbil ata no retrete

Pensar ven sendo a cousa máis insán do mundo, a xente morre por elo, por pensar, tal e como pode morrer de calquera outra enfermidade. De xeito afortunado, cando menos na Inglaterra, o pensamento non é contaxioso pois, grazas á nosa nacional estupidez, somos un pobo fisicamente magnífico".

Millor ou peor traducido é como pra se preguntar que estas palabras de Oscar Wilde, tomadas de prestado en "The Decay of Lyng" ("Decadencia da mentira") escritas que foron no hoxe lonxano 1891, son aplicables ou non á nosa actual e colectiva parvada nacional, chea de mentiras piadosas, de noxentas mentiras, nunca de fermosas mentiras que nos fagan crer en algo e albergar esperanzas debidamente xustificadas respecto do futuro que nos agarda; pero, que é unha fermosa mentira? que mentira é aquela da que nos podemos defender por non ser nin piadosa, nin noxenta nin facernos albergar esperanza algunha?

No mesmo texto citado aí enriba, Wilde, danos de novo unha resposta: unha fermosa mentira ven sendo aquela que encerra en si mesma a evidencia de selo. Pra min que ten razón, que non lle falta razón en absoluto. Só diante das falsas mentiras, das mentiras feas e falaces que carecen da evidencia de selo, o individuo e con el a sociedade enteira, ambos, permanecen indefensos.

O que non sei eu é se a solución a esta realidade, tan atroz como antiga, tan evidente hoxe como hai case que douscentos anos, alá nos tempos de Oscar Wilde, atopará a súa solución nun departamento gobernamental encargado de poñer en evidencia aquelas mentiras desanxeladas e feas, pero convincentes e interesadas, que, circulando polas redes, flaxelen á sociedade nas máis das ocasións a forza de flaxelar, antes que a nadie, ó propio goberno.

O problema que ofrece esta nosa realidade actual infestada de mentiras, cualificables nas máis das ocasións directamente como calumnias, que circulan libremente polas redes sociais, amparadas nun anonimato chamémoslle veneciano, non vai ser quen de afrontalo máis que co convencemento colectivo de que, se chega a noticia por internet e o fai anonimamente, a noticia e directamente considerada como falsa.

Polo contrario, se ven pola Internet e faino amparada por unha autoría identificable e recoñecida, a solución, e con ela a defensa ante a calumnia, radicará nos tribunais de xustiza e non en calquera institución sospeitosa de ser considerada xuíz e parte nun problema tan acusado e grave como o que estamos padecendo. E sairiamos todos gañando. Deixariamos de perder o tempo dicíndonos o guapos que somos, entre vinte e cinco amigos con muro no Facebook, facéndoo a conta de ter que engulir, queiras que non, toda a publicidade que por tal medio nos bombardea ata facernos perder o sentido da proporción e da medida mentres permanecemos convencidos de que catro mil novecentos setenta e cinco máis seguen as nosas peripecias e len os nosos artigos, mentres nós perdemos o tempo e o diñeiro encargando artiluxios que non necesitamos levados, nos máis dos casos, dunha publicidade tan enganosa como innecesaria. Na tenda da esquina vannos das máis garantías e moito millor servizo.

Pero as mentiras feas, as calumnias, teñen moitos camiños. Quen de nós carece de correspondentes que, a través do WhatsApp non o bombardee cun cento deles diarios; convertidos todos eles máis en dazibaos políticos -como os habidos na China de Mao Zedong, de solteiro Mao Tse Tung- nos que toda procacidade intelectual é posible e que acaban sempre por nos vender motos que non necesitamos ou que nos confunden desviando a nosa atención de temas absolutamente importantes?

Hoxe ten que estar xa en vigor unha nova enfermidade social: a dos que ocupan os seus días na selección, recompilación e envío desas ducias e ducias de wasaps cheos de difamacións e falsidades. Non sei que dirá un psiquiatra, pero algo debe pasar na cabeza de quen lee, escolma e traslada cento e pico wasaps diarios.

Outra cousa son os tuits. Esas expresións clarísimas, cando menos no entender de quen isto escribe (de non ser así saiban desculpalo) de que a luminosa e brillante lucidez dunha ocorrencia brevemente reseñada, exhibe e exemplifica un fondo coñecemento que serve pra condensar, de modo simple, unha realidade que necesariamente é sempre máis complexa, pra deixala reducida a uns limites propios do coñecemento resumido, reducido, administrado en píldoras placebo, que impiden a profundización nos temas que máis nos atosigan e máis reclaman a nosa atención, con ela a nosa propia defensa. Estamos construíndo, a través das redes, unha realidade paralela e falsa. Cantos adxectivos tales como guapo, fermoso, “divino de la muerte”, espléndidos e magníficos e por aí seguido seguen a unha fotografía publicada en Instagram na que aparecen seres que teñen de fermosos o que eu de esvelto e de simpático?

Estamos comezando a non saber vivir sen ter ó móbil ó acado da nosa man e ata nos serve de indispensable compaña mentres nos sentamos no retrete ou nos metemos na ducha. Que doado é vivir con consignas, con máximas e frases feitas e nunha realidade que non ten nada que ver coa que nos rodea, mentres o noso campo de visión se vai reducindo e reducindo ó que contemplamos na pantalliña do móbil. Pensando así deberei seguir colgando os meus artigos no Facebook, pra que os lean catro amigos e lle dean ó "gústame" de contado? Deberei facelo ou de ser eles que opten pola lectura no periódico, lenta e serena, analítica, que lles permita obter unha opinión máis certa? Calquera o sabe xa!