Opinión

O coitelo da falsa modestia

Aí atrás tiven que escribir uns folios de gratitude. A xenerosidade dos meus compañeiros do Instituto do Posío pra comigo, induciunos á colleita de firmas por toda a provincia, polos noventa e dous concellos que a constitúen, a fin de que con elas puideran solicitarlle ó presidente da Deputación o outorgamento da honorífica consideración de fillo predilecto da nosa provincia de este escribidor de vostedes.

A xenerosidade do presidente Baltar pra comigo, secundada pola dos deputados provinciais, levouno ó outorgamento e levoume a min a redactar esa liñas de gratitude ás que me refiro. Unhas liñas complicadas, aínda por riba, coa laudatio pronunciada por Xosé Carlos Caneiro escrito co mesmo nivel de xenerosidade ó que me veño referindo e que, aínda por riba, non excluía ó presidente de Galicia, presente no acto nun alarde de afecto persoal que recoñezo e valoro dadas algunhas diferencias que con el poida eu manter.

Falar ben de algo, non digo xa da xente, é unha das cousas máis complicadas e difíciles que coñezo. É moito máis cómodo e mesmo diría que tamén máis gratificante e pracenteiro falar mal. Unha sátira aguda, ben feita, esperta moita máis anuencia e moitos máis aplausos que unha merecida loubanza por moi ben feita que estea esta e moi xustificada que se ofreza. A xente, non a maioría dela, pero si moita, sempre prefire escoitarlle dicir a outros o que ela non se atreve a dicir por medo ou por conveniencia. Por outra banda o medo a se amosar coma un ser obsecuente tolle bastante as posibilidades de expresión e suscita moitas máis reprobracións que se largaras tres ou catro puntillazos de vez en cando. Quizás por iso os profetas teñan tanto éxito. Sempre está por demostrar que se equivocaron e sempre se está a tempo de que o anunciado por eles se cumpra ou que o denunciado se demostre. Calumnia que algo queda, frase atribuída a Voltaire, circula entre os humanos dende a época romana e continuou facéndoo, que eu saiba, en tempos de Francis Bacon, tamén nos de Beaumarchais, pois ambos botaron man dela, e o mesmo fixo Rossini utilizándoa na súa opera “O Barbeiro de Sevilla”.

Por tales e máis razóns, cada vez que se lle atribúe a Voltaire a bendita frase, o que se consigue é confirmar a certeza de aserto tan sutil como pra que a tal atribución, promulgada por exemplo dende un púlpito, reste sobre o temido Voltaire a sombra da desconfianza e tildándoo de calumniador e por extensión induza nos ouvintes a falsidade do seu agudo pensamento.

Así que falar mal e máis doado que falar ben. Mesmo cando se trata de agradecer distincións. John Dryden confesáballe a Jonathan Swift, falando entre eles, que a xente xamais se tería enteirado da súa gran valía poética de non telo el mesmo asegurado nos limiares de todos os seus libros, unha e outra vez ata que á xente lle resultou pouco menos que imposible poñelo en dúbida ou admitir a posibilidade de poñelo en tela de xuízo. Non sei se o gran poeta inglés do seu tempo, se terá expresado igual respecto de quen, nunha situación como a que lles estou a referir, tendo que agradecer unha distinción, non só eloxiase ós seus concesionarios, senón que se excedese na afirmación de que el non fose merecedor dela. A falsa modestia é un coitelo de dobre gume porque, se non é merecedor dela, que centellas pintan os que lla concederon e como se atreveu el a aceptala?

Eiquí chegados confesarei que eu o tiven moito máis fácil. Débolle a idea de que sexa agora fillo predilecto da terra que me viu nacer á xenerosidade dos meus compañeiros de estudos no Instituto do Posío. Logo de sesenta anos delo tiveron o coallo de recoller firmas por toda a nosa provincia e de levarllas ó presidente Baltar que demostrou, unha vez máis, ter a sensibilidade da que os máis dos nosos políticos carecen hoxendía cara todo o relacionado coa nosa cultura e, con ela, pra co proxecto político que a nosa condición de compoñentes dunha nación cultural nos reclama. Isto é así, cando menos, no ámbito político no que el milita e noutros que lles son ou estean a se comportar ó respecto dun xeito tal que permite dicir deles o que se está afirmar. E quen queira entender que entenda.

Tampouco me resultou moi complicado agradecerlle, ó autor da laudatio que xustificaba a concesión de tal titulo honorífico, o que dixo de min e do que levo escrito, é dicir, do traballo de toda a miña vida, e mesmo o encadre que fixo da miña non presenza na Real Academia Galega. Xosé Carlos Caneiro é un escritor que disfruta, ou padece, de toda canta ambición literaria cabe esixirlle a un creador literario que se prece. Escritores hailles moitos, pero con esa forza e ambición, así entendida e expresada, hailles ben poucos. Non é ocasión de que eu me poña a sinalar a ninguén co dedo, pero se alguén lle interesa que non dubide en preguntarmo. Ou millor e pra que non se diga citarei outros non tan afíns ó espectro político no que o meu amigo Caneiro se relaciona. Digamos, pois, Juan Tallón o digamos Santiago Jaureguizar. Amén.

Agradézolle pois a Caneiro o que afirma respecto da miña ausencia no ámbito da nosa Real Academia, pero non debe esquecer que os académicos son soberanos e cooptan a quen crean oportuno pra que se sente nos distinguidos sillóns de tan douta casa. Eu non estiven, non estou e coido que non hei estar sentado en ningún deles. Será o tempo o que dirá se Caneiro ten ou non ten razón, pero farao ó mesmo tempo que tamén ha dicir que Real Academia Galega foi a que construíron os actuais académicos, cal a que deconstruíron e cal a que deberon construír. Dese xuízo non se ha salvar ninguén. De momento, dada a ausencia manifesta de Méndez-Ferrín, excretado que foi da RAG dun xeito que non hai por onde collelo -malo se é certo o que se fixo transcender e aínda peor se non o é- o que abondan son escritores ourensáns que deberan acceder a ela, Caneiro e Tosar, por poder ofrecerlles dous exemplos.

Te puede interesar