Opinión

De concerto en concerto, ao desconcerto

Agora da toda a impresión, polo menos a min dama, pero xa saben que eu sonlles un pouco revirado. Agora todo parece indicar que o departamento de Cultura do Goberno de Galicia derivou non se sabe xa se definitivamente nunha a xeito de comisión de festas intermunicipal ou cousa así; xa saben, concertos no camiño, unhas veces con son, sen son ningún en moitas outras ocasións, veña verbenas por aquí, sesións vermú por alí e monte do Gozo, arriba e abaixo, veña unha cousa e outra, agora e quizás por todo isto, véñenseme á mente as afirmacións que Jean de La Bruyère nos deixou escritas en “Os carácteres ou os costumes deste século” válidas naquel que el viviu (1645/1696) e sospeito -non sei que dirán vostedes- que válidas tamén neste. A condición humana, xa saben, esa que os séculos non cambian. E que dicía?

“É unha vella e prudente política nas repúblicas deixar que o pobo se aparve nas festas, nos espectáculos, no luxo, nos fastos, nos praceres, a vaidade e a nugalla; deixar que se encha ese baleiro e que saboree ghaldrumeiradas. Que gran servizo é a que esta indulxencia lle presta ó déspota!” Non sei que lles parecerá a tradución, o anosamento á nosa lingua, que diría o chorado Darío Xohan Cabana, pero así o deixou escrito La Bruyère nas páxinas tituladas “do soberano ou da república” pois tanto ten unha política coma outra cando así se determinan.

En todo caso hailles festas e festivais, concertos e macro concertos e sempre, antes ou despois, acaba por intervir o vento da historia e levarse algunhas cousas por diante. Penso nelo cando acabo de botar man da gheada, escribín ghadulmeiradas, vaia por deus, sexa este Breogán ou o Nazareno, cando volvemos discutir a tal respecto; xa saben, outro sarao dos nosos, cos que imos entretendo o persoal dende que, os académicos e outros elementos afíns, en troques de sancionar o uso que o pobo fai da lingua que mantivo viva durante séculos, ocupase maiormente en sancionar, si, pero na acepción de castigar, de non deixar impune ese uso que o pobo fai do ¡dioma que fala e o leva a sentilo propio, nunca alleo, cousa de profesores e outros especímenes asociados. Entre a gheada e o Depor que non da ascendido non se nos levanta o orgullo patrio hoxe tan deteriorado: os concertos, mesmo os deportivos, teñen que servir tamén pra algo, espero que se me entenda.

En realidade espero que estea a me explicar ben porque o menos que podo facer, vivindo como vivo, é que me equivoque moito máis do conveniente. Hai unha semana ou cousa así, almorzando en Pontevedra con Xavier Castro, ese luxo de historiador que describe, máis ca os feitos, os sentires e os pensamentos, os hábitos e os costumes que nos viñeron forxando ó longo dos séculos como pobo, pareceume entender (a xordeira axuda moito nestes casos) que as subvencións ó libro están prácticamente extinguidas; de ser así hei confesar que tampouco non se trataba deso malia que algúns aspectos delas si deberan ter sido corrixidos malia as dificultades que tal intento conlevase. Seino ben, créanme. Nalgún momento ocorréuseme preguntar se, por exemplo, algún escritor cuxo libro fose obxecto de compra por parte da Consellería, xa saben, en tempos, polo menos en tempos, a de Cultura adquiría uns cantos centos de libros de prácticamente todos os títulos publicados de xeito que parecería preceptivo que o dez por cento do importe de tal adquisición fose parar ó peto do autor do libro de xeito que non se puidese dar o caso de liquidacións negativas pois, por exemplo, trescentos libros mercados a vinte euriños a unidade, significarían seiscentos euros pró autor que tamén come e non ven sendo quen menos traballe na elaboración dun libro por moito que traballen nel as editoras. Xa verán como a algún o exposto se lle antollará ocioso.

No mesmo texto que lles citei e un pouco máis adiante La Bruyère di que “o pracer dun rei que mereza tal condición é, en ocasións, ser o menos rei posible. Saír do seu escenario, quitarse o disfraz do personaxe e representar con alguén da súa confianza un papel máis familiar”. É de supor que o que vale pra un rei vala tamén pra un presidente e, quen di pra un presidente, pode dicir tamén pra un conselleiro ou un alcalde. Pero é de supoñer que se algún dos nosos fixera tal cousa máis de un estaría en grave risco de infartar, do corazón unhas veces, no cerebro noutras tantas. Calquera diría que o falar produza afonía.

Por mil euros non che dan ningún gasoil pra quentar a auga da casa por riba dos seiscentos litros. Referímonos tamén ó prezo do leite, ou ó do aceite, por non dicir do da froita, a carne e mailo peixe. O libre mercado non consiste, perdón, non debera consistir, na liberdade de prezos fixados sempre a decisión de parte. Canto embolsaron as eléctricas baleirando os encoros de Galicia? Toda actividade humana está sometida a normas e criterios, a restricións e tamén a axudas e non se pode pretender que sexa o comercio, precisamente o comercio, que fai posible o resto das humanas actividades, campe ó seu aire sen ninguén que poña freo a tanto bucaneiro como anda campando ceibo polo medio e medio da nosa sociedade.

Volvamos a La Bruyère. A cousa non se arranxa con concertos, macros ou minis, de importación, uns, de asilvestrados outros, nin mesmo potenciado ós nosos propios creadores de música que son, precisamente, os que se gastarían os cartiños no seu propio entorno. E así sucesivamente. Atravesamos tempos avesos, mesmo tempos atravesados, e vai sendo moito hora de que os nosos políticos, estes, os máis próximos e nosos, amosen, porque os teñen previa e decentemente elaborados, proxectos de futuro pró país que gobernan e prós cidadáns que o habitan. Estámolos tendo? Ou estamos saltando dun concerto a outro, caendo nun desconcerto consuetudinariamente, cabrón e xeneralizado, esterelizante? Esa é a cuestión e non outra.

Te puede interesar